Imprimir

UNHA REPRESENTACIÓN DE DOCENTES DOS CENTROS PENITENCIARIOS QUE PARTICIPAN NO PROGRAMA ARCE VISITAN A CASA DO CONCELLO


10/5/2011

Os Centros de Bonxe (Lugo), García Alix (Teruel), Yucatán de Soto del Real (Madrid) e Sangonera la Verde (Murcia) participan no programa ARCE, que pretende establecer cauces de colaboración entre as comunidades autónomas

Os 15 docentes estarán hoxe, mañá e o xoves en Lugo para celebrar unhas xornadas de traballo

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, acompañado polo Concelleiro de Protección da Comunidade, José Rábade, recibiu esta mañá no Salón de Plenos da Casa Consistorial, a unha representación de 15 docentes dos Centros de Educación de Adultos de Bonxe, Centro García Alix (Teruel), Yucatán de Soto del Real (Madrid) e Sangonera la Verde (Murcia) que durante estes días se atopan na cidade para desenvolver unhas xornadas de traballo ao abeiro do programa ARCE.

O Director do Centro de Educación de Adultos de Bonxe, José Manuel Sánchez López, explicou ao Alcalde que o programa ARCE, no que están a traballar os catro centros educativos, ten como finalidade establecer cauces de colaboración que permitan o establecemento de agrupacións ou redes de centros educativos e institucións públicas no ámbito da educación, ubicados en diferentes comunidades autónomas, para desenvolver proxectos comúns que se leven a cabo en equipo entre todos os centros e institucións participantes. Con este fin, os 15 docentes reúnense durante as xornadas de hoxe, mañá mércores e o xoves para celebrar unhas xornadas de traballo e aproveitar para coñecer a cidade, os monumentos e a gastronomía.

O Alcalde interesouse polo estado e funcionamento da educación nos centros penitenciarios, e agradeceu a gran labor desenvolta polos docentes. López Orozco entregoulles a cada un deles un exemplar do derradeiro libro da colección “O San Froilán dos Devanceiros” titulado “As festas literarias nos sanfroiláns finiseculares (1899-1901)”, un pin da Muralla Romana e unha guía turística de Lugo.