Imprimir

LUGO APOIA A LUCÍA PÉREZ EN EUROVISIÓN CUN ENCONTRO ORGANIZADO POLA DEPUTACIÓN QUE TERÁ LUGAR EN SAN MARCOS


10/5/2011

A partir das 18:00 horas, haberá actividades de animación gratuítas e dirixidas a tódolos públicos, como karaokes, talleres didácticos, agasallos e visitas guiadas polos xardíns da sede do organismo provincial

Os asistentes poderán ver dende as 21:00 horas na pantalla xigante do salón de actos a retransmisión en directo do festival europeo da canción

A Deputación organizou para este sábado, día 14, no Pazo de San Marcos o encontro Todos con Eurovisión. Todos con Lucía. Todos na Deputación de Lugo, co que o organismo provincial pretende apoiar á cantante do Incio no seu paso polo festival europeo da canción. Dende ás 18:00 horas haberá actividades de animación gratuítas e dirixidas a tódolos públicos nos xardíns de San Marcos, e a partir das 21:00 horas os asistentes poderán ver na pantalla xigante do salón de actos a retransmisión en directo do certame de Eurovisión, no que por primeira vez España estará representada por unha cantante galega. Lucía Pérez interpretará “Que me quiten lo bailao” lucindo un deseño de dúas lucenses, Sara Lage e Maru Calderón, coas que coincidiu na gala Lucus Moda promovida pola Deputación e o Concello de Lugo.

O encontro lúdico estará conducido por un presentador e incluirá karaokes, talleres didácticos para toda a familia, actividades para os fans da artista –como a elaboración de chapas e bandeirolas coa imaxe de Lucía Pérez-, e sorteos e reparto de agasallos entre o público.

Haberá ademais rutas polas inmediacións do edificio da Deputación nas que técnicos do Plan Urban, impulsado polo Concello lucense e a institución provincial, explicarán polo miúdo en que consisten as obras de remodelación e mellora que se están levando a cabo nos propios xardíns e na praza, e como quedarán estes espazos tralas actuacións, que concluirán neste mes. Deste xeito, os participantes nos circuítos coñecerán por exemplo que especies arbóreas se plantarán na praza de San Marcos, que a parte traseira do pazo quedará aberta ó público, ó incorporarse ó paseo interior da Muralla, e como funcionará a rede wifi de conexión gratuíta a Internet que se está instalando. Esta serie de accións converterán á Praza de San Marcos e ó entorno da sede da Deputación nun moderno e amplo espazo público, esteticamente mellorado e punteiro en canto á implantación das novas tecnoloxías.

Difusión a través da Rede

Co fin de dar a coñecer na Rede o encontro de apoio a Lucía Pérez e que os internautas confirmen a súa asistencia, a Deputación creou un evento en Facebook (http://on.fb.me/luciaperez) a rede social máis importante do país. Así mesmo, a convocatoria difúndese a través do blog co que conta o organismo provincial e noutras plataformas nas que a institución ten presenza, como Twitter, Flickr e YouTube.