Cargando....
Concello de Lugo
19/07/19
NOVAS
Escoita esta páxina

O Festival de Música Cidade de Lugo acolle o debut en España do barítono sudafricano Njabulo Madlala


# Mércores, 11/05/2011
O segundo concerto da XXXIX Semana do Corpus, que organiza a Concellería de Cultura, será mañá xoves ás 20.30 horas no Círculo das Artes

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada

A entrada, coma sempre no festival, é libre ata completar o aforo do local

O Festival de Música Cidade de Lugo acolle o debut en España de Njabulo Madlala, un barítono sudafricano formado en Londres que gañou o pasado ano o primeiro premio dos prestixiosos Kathleen Ferrier Awards e que seguro dará moito que falar nos próximos anos. Este segundo concerto do festival terá lugar no Círculo das Artes o xoves 12 de maio ás 20.30 horas.

Na compaña de luxo do pianista inglés Roger Vignoles, cantará un descriptivo e variado programa liederístico titulado Camiños, paisaxes e sentimentos que inclúe cancións de Duparc, Mahler, Schumann, Vaughan Williams e Richard Strauss. O programa contén cancións tan fermosas como Morgen (Mañá) de Strauss, Phidylé de Duparc, Du bist wie eine Blume (Es coma unha flor) de Schumann e non se esquece de lembrar ao compositor Gustav Mahler no centenario da súa morte o seu ciclo de Cancións dun camarada errante. Ademais ten o aliciente de poder descubrir como remate ao concerto as cancións populares do país de orixe de Njabulo Madlala, Suráfrica.

Roger Vignoles é internacionalmente recoñecido como un dos músicos e pianistas acompañantes máis distinguidos do mundo; acompaña habitualmente aos mellores cantantes (Kiri Te Kanawa, Thomas Allen, Barbara Bonney, Brigitte Fassbaender, Thomas Hampson, Susan Graham, Sarah Walker, Felicity Lott, etc.) nos máis importantes auditorios e salas de concerto. Destacada autoridade no repertorio da canción, Roger Vignoles dirixe ademais ciclos concertos como o de Nagaoka (Xapón) e Leeds (Inglatera), ofrece cursos e clases maxistrais (actualmente dirixe o Sommer Lied Weinberg en Austria) e atesoura unha amplísima e laureada discografía. A entrada, coma sempre no festival, é libre ata completar o aforo do local en todos os concertos.

Concerto 2- Camiños, paisaxes e sentimentos
NJABULO MADLALA (Barítono. Debut en España)
ROGER VIGNOLES (Piano)
Cancións de Duparc, Mahler, Vaughan Williams, Schumann, Strauss e populares sudafricanas.

 




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova