Cargando....
Concello de Lugo
29/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Concello e Deputación acondicionan unha finca para aparcar gratis no HULA


# Mércores, 11/05/2011
As dúas administracións impulsan conxuntamente esta iniciativa logo de que a Xunta privatizase este servizo e obrigase a pagar por el, o que provocou numerosas protestas de veciños e do persoal sanitario

A Deputación achegará 100.000 euros para a adecuación dunha parcela municipal de 25.000 m2

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, anunciou hoxe que o Concello e a Deputación van acondicionar unha parcela de propiedade municipal para que se poida aparcar gratis no Hospital.

O Alcalde explicou que as dúas institucións van aprobar un convenio polo que o Concello pon os terreos e o proxecto, que xa está feito, e a Deputación fará unha achega económica de 100.000 euros para acondicionar a parcela de 25.000 metros cadrados que permitirán crear ata 1.000 prazas de estacionamento “para que todas as persoas que van ó HULA teñan a posibilidade de aparcar gratis”.

“Ante a negativa do Sergas, que reiterou, unha outra e outra vez, que seguiría cobrando o aparcamento no terreo que lle regalamos os cidadáns de Lugo, grazas as xestións que fixen coa Deputación, a Xunta de Goberno da Deputación ten previsto aprobar este venres o convenio de colaboración co Concello”, manifestou o Alcalde, quen agarda que os traballos estean feitos no prazo dun mes.

O organismo provincial e a entidade local impulsan conxuntamente esta iniciativa logo da decisión adoptada pola Xunta de Galicia para que este servizo sexa privado e haxa que pagar por el. En novembro de 2010, a Administración autonómica adxudicou á empresa Aljamil a xestión tanto as 750 prazas para uso do persoal e de servizos comúns como das 636 de usos libres do aparcadoiro subterráneo, o que provocou unha avalancha de protestas por parte de usuarios e facultativos do hospital. Precisamente, en marzo, o persoal do HULA manifestara publicamente que as prazas do aparcamento non son suficientes para todos os empregados do centro sanitario. Deste xeito, grazas ó acordo que subscribirán ambas as dúas administracións, os usuarios do hospital disporán dun novo lugar para o estacionamento sen ter que aboar os 7,10 euros por día fixados polo SERGAS polo uso do aparcadoiro subterráneo existente.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova