Cargando....
Concello de Lugo
19/07/19
NOVAS
Escoita esta páxina

O Alcalde asiste á sinatura dun convenio co que a Deputación apoia á Diocese de Lugo para potenciar a cidade como lugar de peregrinación cristiá


# Xoves, 12/05/2011


Imaxe Asociada

Besteiro asinou este xoves co Bispo un convenio por valor de 64.000 euros encamiñado a difundir e poñer en valor a exposición permanente do Santísimo Sacramento na Catedral, que reúne unhas características únicas no mundo

O obxectivo é dinamizar o sector turístico e a actividade económica, ademais de xerar emprego, incentivando as visitas relixiosas a Lugo

O acordo inclúe a contratación de bolseiros para investigar a orixe e historia da exposición permanente da Sagrada Forma e que o Bispado mostre ós cidadáns o seu patrimonio histórico cultural a través de actividades da Deputación

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, asistiu hoxe á sinatura dun convenio entre a Deputación e a Diocese que ten o obxecto de potenciar a cidade como lugar de peregrinación cristiá. O convenio foi asinado polo Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e o Bispo, Alfonso Carrasco Rouco, nun acto no que tamén estiveron presentes o ex Embaixador de España cerca da Santa Sede, Francisco Vázquez, e representantes de Confrarías de Semana Santa da Cidade.

Por medio deste convenio, a Deputación provincial lle concede á Diocese unha axuda de 64.000 euros para potenciala cidade como centro de peregrinación cristiá, co obxectivo de dinamizar o sector turístico e a actividade económica, e contribuír á xeración de emprego. Para elo, difundirase e poñerase en valor unha das súas sinais de identidade, como é a exposición permanente do Santísimo Sacramento na Catedral, un feito polo que Lugo é coñecida como a Cidade do Sacramento. A basílica maior lucense é a que ostenta dende hai máis tempo –polo menos 6 séculos- este privilexio papal de manter o corpo de Cristo permanentemente custodiado por unha chama sempre prendida ante un grupo de fieis adorándoo durante as 24 horas. Esta longa tradición, xunto ó feito de que a Sagrada Forma estea no altar maior fan que a catedral de Lugo sexa única no mundo.

Para o Alcalde, este convenio vai permitir “dar a coñecer o que somos, a historia de Lugo e a de Galicia. Temos o privilexio de celebrar o Ano Santo todos os días”.

Gómez Besteiro salientou “estou convencido de que este convenio será o principio de algo grande para a comunidade cristiá e católica, e para todos os veciños desta provincia. Este valor relixioso de pasado, presente e agora de futuro vai a dar un gran beneficio espiritual e económico”. Carrasco Rouco subliñou que “é unha boa noticia para a Catedral, para os fieis cristiáns, para a cidade e para a provincia. Sen Lugo e sen a súa Catedral non se pode coñecer a historia de Galicia”. O Bispo sentenciou que isto “e inicio dun camiño prometedor e fructuoso”.

Mentres, Francisco Vázquez incidiu en que “durante 5 anos e ata hai 10 días fun testemuña de actos similares promovidos por cidades de Europa e América. Quero felicitar ó Presidente da Deputación e ó Bispo de Lugo polo que vai a representar esta iniciativa no coñecemento de Lugo e de Galicia. A provincia vai a ser centro e foco de peregrinación e promoción en España e Europa. As miñas palabras veñen dende o coñecemento de experiencias en cidades de europeas obsesionadas por promocionar o Camiño. Lugo está en condicións de logralo. Este convenio vai a ter unha gran transcendencia”.

Catro liñas de actuación

O convenio inclúe catro liñas de actuación encamiñadas a incentivar as visitas relixiosas á cidade. Por unha banda, a potenciación da festividade de Corpus Christi, unha das cerimonias máis lonxevas da tradición popular e relixiosa de Galicia, con máis de 3 séculos de historia, na que as cidades do antigo Reino de Galicia (Betanzos, Mondoñedo, Tui, A Coruña, Lugo, Ourense e Santiago) se tornan para facer a tradicional ofrenda ó Santísimo Sacramento exposto de maneira permanente desde 1669 na Catedral. Este evento ten unha repercusións moi notables na economía local ó atraer a miles de persoas.

Tamén se desenvolverán traballos de investigación no Arquivo Catedralicio acerca da orixe e historia da exposición perpetua do Santísimo Sacramento como feito que distingue a Lugo, e tamén sobre en que termos se concede a Indulxencia Plenaria ós fieis na catedral. Para elo contrataranse bolseiros, o que contribuirá a reducir as listas de desempregados. Outras das accións subvencionadas é a restauración e exposición do antigo Palio da Catedral, o que contribuirá tamén a xeración de emprego.

No marco do convenio, Deputación e Diócese chegaron así mesmo ó acordo de que a Igrexa abra as portas do seu patrimonio histórico cultural para que os cidadáns o poidan coñecer e gozar del a través de actividades organizadas polo organismo provincial.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova