Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

A gran soprano italiana Roberta Invernizzi, estrela da segunda semana de concertos do Festival de Música Cidade de Lugo 2011


# Venres, 13/05/2011


Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
A soprano italiana Roberta Invernizzi é sen dúbida a gran figura da segunda semana de de concertos da trixésimo novena edición do decano dos festivais galegos de música clásica, este Festival de Música Cidade de Lugo (tradicionalmente coñecido como Semana do Corpus) que dende o 10 de maio e ata o 2 de xuño enche de música a cidade con quince concertos (incluíndo 2 concertos familiares e para nenos, dentro dunha programación cuxas premisas básicas son a calidade e a variedade).

Coma en anos anteriores, a ampla oferta lírica do festival está garantida pola calidade e prestixio dos cantantes que adornan o cartel do festival, cheo de grandes nomes como os de Sergei Leiferkus, Nuria Rial, Marta Infante ou Njabulo Madlala. E outro dos grandes nomes propios deste ano é o da soprano italiana Roberta Invernizzi, cantante con personalidade e sensibilidade exquisita, que o mércores 18 de maio (Círculo das Artes, 20.30 horas) ofrecerá un fermoso programa dedicado ao século XVII italiano na compaña do arpista compostelán Manuel Vilas e o tiorbista norteamericano Craig Marchitelli.

A edición 2011 do festival tampouco esquece a música contemporánea e a creación actual, protagonista de dous dos concertos do festival. O primeiro (no Círculo das Artes o xoves 19 de maio, 20.30 horas) é o do dúo de violín e percusión formado por Jorge Montes e Alejandro Sanz. Na procura dunha nova tímbrica... é o título dun programa de vangarda que inclúe obras de dous autores galegos, o compostelán Fernando Buide e o lituano afincado na nosa terra Karolis Biveinis.

Nas cinco últimas edicións, o piano converteuse nunha das apostas máis sólidas do festival, que este ano organizou catro concertos que, sen dúbida, ofrecerán unha ampla visión das posibilidades dos instrumentos de teclado: piano, clave, fortepiano e piano a catro mans. E comezamos polo fortepiano, instrumento antecesor dos pianos actuais, no recital que Patricia Rejas dedica á familia Bach no salón de actos da Fundación Caixa Galicia (venres 20 de maio, 20.30 horas).

E a semana remata coa primeira entrega do “Corpus dos Nenos”, a achega do festival pensando no futuro, nos nosos rapaces, que este ano inclúe dous concertos en familia e un taller de danza. Monicreques e música únense no espectáculo titulado Valentino, un conto musical ideado polo quinteto de ventos Pentafonía e a compañía de títeres Seisdedos que se poderá ver no Círculo das Artes o sábado 21 de maio. A hora de inicio deste espectáculo pensado para compartir en familia cos nenos é as 18.00 horas.

A entrada, coma sempre no festival, é libre ata completar o aforo do local en todos os concertos.

Concerto 4
L’isola amorosa: madrigais e cancións do Seicento italiano
ROBERTA INVERNIZZI (Soprano)
MANUEL VILAS (Arpa doppia)
CRAIG MARCHITELLI (Tiorba)
Obras de Frescobaldi, Caccini, Merula, Monteverdi, Ferrari, Strozzi, etc,
Mércores 18 de maio de 2011. Círculo das Artes ás 20.30 horas.

Concerto 5
Na procura dunha nova tímbrica...
JORGE MONTES (Violín)
ALEJANDRO SANZ (Marimba)
Obras de Buide, Oboe, Biveinis e Jones
Xoves 19 de maio de 2011. Círculo das Artes ás 20.30 horas.

Concerto 6
A familia Bach e o fortepiano
PATRICIA REJAS (Fortepiano)
Venres 20 de maio de 2011. Fundación Caixa Galicia ás 20.30 horas.

Concerto 7 (O Corpus dos nenos)
Concerto en familia
Valentino, un conto musical
PENTAFONÍA (Quinteto de ventos)
SEISDEDOS (Títeres)
Sábado 21 de maio. Círculo das Artes ás 18.00 horas.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova