Cargando....
Concello de Lugo
17/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Unha empresa pública vai coordinar a comercialización e promoción turística da provincia


# Venres, 13/05/2011
Anunciouno a Deputación nunha xuntanza na que participou o Alcalde

Imaxe Asociada
As últimas enquisas da Deputación revelan que o turista que vén a Lugo é fiel, repite unha media de 3 veces, predomina o turismo familiar –precisamente o máis emerxente- e destaca a natureza como maior atractivo

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e a Vicepresidenta Terceira e responsable da área de Turismo, María Xosé Vega Buján, anunciaron este venres a creación dunha empresa pública que coordine a comercialización e promoción turística da provincia lucense. Trátase dun novo modelo de coordinación turística en Lugo aberto á participación de todo o sector, que impulsa a institución provincial logo de manter intensas reunións co sector público-privado e plasmar as súas demandas, e que buscará a excelencia e a máxima calidade co fin de rentabilizar o turismo do xeito máis profesional.

No acto participou o Alcalde de Lugo, José López Orozco, en representación dos municipios lucenses, e destacou que “esta Deputación creou a UNED, un plan de emprego, un de obras e agora un de turismo que, unha vez máis, beneficia a todos os Concellos. Temos moi claro que o turismo da nosa cidade pode ir moito máis alá se potenciamos o sector turístico no seu conxunto”.

Gómez Besteiro salientou que logo de “analizar de abaixo a arriba o sector público e privado, concluímos que esta entidade é o instrumento máis axeitado para insistir na promoción e comercialización do turismo lucense. Será unha empresa pública onde a maior parte do capital o aportará a Deputación pero onde terán cabida os Concellos, as distribuidoras de turismo, todas as empresas que o desexen...co fin de ser máis competitivos”. Vega Buján subliñou que “cando todo o turismo de sol e praia cae en España, a provincia de Lugo ten un turismo emerxente que queremos consolidar e aumentar. Para elo, mantivemos reunións cos municipios e empresas privadas, distribuídas en 6 áreas xeográficas. A conclusión foi que temos que traballar en 2 esferas: a promoción de Lugo como un produto único e a súa comercialización. Temos que facer negocio porque o turismo é peza clave da económica da provincia. Sen embargo, existe un baleiro neste senso, e o sector ten moi claro que eles non poden liderar este proxecto xa que cómpren da axuda da administración”.

Xestión e reunións

A Deputación acordou co sector turístico público e privado liderar esta entidade como institución que representa á provincia e respostando á demanda plantexada por eles mesmos. Será por tanto, quen aporte a maioría do capital na futura empresa. Non obstante, o proxecto estará aberto á participación de todo o sector. A súa participación realizarase por exemplo, mediante o pago de servizos como apuntaron varias empresas privadas nas reunións previas. Por exemplo, unha tarifa por participar nunha central de reserva provincial na que a empresa percibiría unha porcentaxe por realizar o servizo.

A creación desta empresa pública é o resultado da celebración do 1º Congreso de Turismo na provincia, “Destino Lugo”. Foi neste encontro no que prestixiosos representantes do sector a nivel europeo e nacional avaliaron todos os tipos de xestión turística existentes co fin de comezar a definir o mellor para a provincia. Lugo é unha provincia emerxente en termos turísticos xa que, cun 16,19%, foi a provincia galega onde máis se incrementou o turismo o ano pasado. Tendo en conta estas cifras, no Congreso púxose de relevo a necesidade de crear un ente pola iniciativa público e privada para impulsar o turismo na provincia e incrementar o número de visitantes.

Deste xeito, tal e como se comprometeron Besteiro e Buján, dende marzo celebráronse distintas mesas co fin de formar conxuntamente un novo modelo de coordinación do turismo. Houbo 6 reunións con representantes do sector privado da Mariña, A Montaña, Ribeira Sacra, A Ulloa e Terras do Miño desglosando a cidade e o restantes territorio. Estes manifestaron que era imprescindible a coordinación e a comercialización de Lugo como produto turístico. Neste senso, puntualizaron que non o poden facer en solitario pero si están dispostos a colaborar economicamente. A Deputación tamén mantivo encontros cos Concellos queñes subliñaron a necesidade de aforrar nesta materia mediante un traballo coordinado. Ademais, consideran moi positiva a comercialización, para o que ven imprescindible a coordinación que, segundo eles, debería estar liderada pola Deputación.

Tendo en conta todas as demandas, técnicos provinciais, economistas e expertos turísticos concluíron que: o traballo de cooperación cos Concellos é o obxectivo da Deputación polo que hai que reforzalo; as empresas teñen que comercializar Lugo buscando a excelencia turística, e o novo ente non se podería entender sen a presencia destacada da cidade de Lugo. A conclusión foi a creación dunha empresa pública liderada pola institución provincial que coordine a comercialización e promoción turística da provincia lucense.

Perfil do turista

O organismo provincial segue a estudar as posibilidades e necesidades do sector. As últimas enquisas realizadas sobre un campo de 8.000 persoas para coñecer o perfil do turista que visita Lugo revelan que: o cliente de Lugo é fiel, só un 1% di que non voltaría, fronte ó 99% que repetiu ata en 3 ocasións; as estancias son de curta duración pero repetitivas; o público maioritario é familiar precisamente, un tipo de turismo emerxente neste momento, seguido de parellas e, máis lonxe, de amigos; identifican Lugo con natureza, gastronomía e, en terceiro lugar, monumentos; aínda non vinculan o mar, a aventura e o deporte á provincia de Lugo. As zonas máis coñecidas son A Mariña e a Ribeira Sacra, xunto á propia capital e, curiosamente, Os Ancares gozan de popularidade malia que non ocorre o mesmo do O Courel.

Resultados no 2010

Lugo foi a provincia galega que experimentou o maior incremento no número de viaxeiros durante 2010 cun 16,19%. Segundo datos do Instituto Nacional de Estatística, esta porcentaxe sitúase no 14,45% na Coruña; 9,80% en Pontevedra; e 3,60% en Ourense. Foi ademais, a provincia na que o número de visitantes se distribuíu de maneira máis equitativa. Do total de 483.119 persoas que pernoctaron durante 2010, o 19,98% fíxoo na capital, e o 80,02% no resto da provincia.

A Deputación desenvolveu ó longo deste ano iniciativas destacadas como o Galaico Expreso, o tren que o organismo provincial ofreceu como alternativa ós catamaráns ante o baleiro do Sil que levou a cabo Iberdrola, e co que logrou pasar dos 1.500 visitantes á Ribeira Sacra ós 20.000; o Barco Muralla de Lugo, a aula turístico medioambiental que está a percorrer o país; o Lugo Terra, o bus que promocionou a provincia por toda a península; ou a certificación medioambiental de 21 areais lucenses que converteron á Mariña na 3º costa de España co maior número de praias de auténtica calidade, avaladas pola Unión Europea.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova