Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Alcalde e o Presidente da Deputación asinan o convenio para acondicionar a parcela na que poderán aparcar gratis os usuarios do HULA


# Venres, 13/05/2011
O Concello facilita os terreos e o proxecto e a Deputación financia con 100.000 euros o acondicionamento dun terreo o que poderán aparcar 1.000 coches

Imaxe Asociada
O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e o Presidente da Deputación provincial, José Ramón Gómez Besteiro, asinaron hoxe o convenio de colaboración para o acondicionamento dunha parcela de propiedade municipal en San Cibrao como futuro aparcamento gratuíto do Hospital Lucus Augusti.

Grazas a este acordo, a Deputación financiará cunha achega de 100.000 euros esta actuación nunha parcela de 25.000 metros cadrados, situada na mesma entrada do centro sanitario e no que poderán estacionar 1.000 coches.

Trala sinatura do acordo, que tamén foi aprobado hoxe pola Xunta de Goberno provincial, o Alcalde declarou que “con este convenio imos ter un área de aparcamento e ímolo poñer a disposición dos veciños da cidade e da provincia no menor tempo posible, porque hai problemas de aparcamento no novo Hospital e non nos gustou que se cobrase en terreos que cedimos os lucenses á Xunta para construír o HULA”.

López Orozco lembrou que o Concello facilitará o terreo e o proxecto, que inclúe medidas para a protección da mámoa existente na parcela e ten permiso de Cultura “pero, unha vez feito o proxecto, faltaba o financiamento e conseguímola grazas á solidariedade do Presidente da Deputación".

Pola súa parte, José Ramón Gómez Besteiro indicou que esta actuación “é froito do traballo conxunto da Deputación e do Concello de Lugo, que estamos para solucionar problemas, non para crealos".

Tamén considerou o Presidente provincial que "esta é unha gran obra para moita xente, porque axudará a aliviar a situación das persoas que teñen que ir ó Hospital, e sempre se produce ansiedade cando un ten que ir ó Hospital".

O organismo provincial e a entidade local impulsaron conxuntamente esta iniciativa logo da decisión adoptada pola Xunta de Galicia para que este servizo sexa privado e haxa que pagar por el. Esta decisión provocou unha avalancha de protestas por parte de usuarios e facultativos do hospital. A máis recente foi en marzo, cando o persoal do HULA denunciou publicamente que as prazas do aparcamento non son suficientes para todos os empregados do centro sanitario. Deste xeito, grazas ó acordo que subscribiron ambas as dúas administracións, os usuarios do hospital disporán dun novo lugar para o estacionamento sen ter que aboar os 7,10 euros por día fixados polo SERGAS polo uso do aparcadoiro subterráneo existente.

Avances para UNED e potenciación da cidade como centro de peregrinación

A Xunta de Goberno Provincial tamén aprobou hoxe a licitación conxunta do proxecto e da obra da Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED) que se situará no antigo Hotel Miño por valor de preto de 1,2 millóns de euros. Deste xeito, Concello e Deputación continúan cos trámites do traslado do centro educativo ás instalacións que ten o organismo provincial na Tolda, e hoxe ábrese o prazo para que as empresas interesadas na execución destes traballos presenten as súas ofertas. A obra quedará adxudicada en dous meses. Con estes traballos, financiados na súa totalidade polo organismo provincial, a Deputación aforrará o custe do aluguer no que se empraza na actualidade a sede actual da UNED. Asimesmo, deuse o visto e prace ó convenio asinado no día de onte polo Presidente e o Bispo lucense, Alfonso Carrasco Rouco, en virtude do cal o organismo provincial lle concede á Diocese unha axuda de 64.000 euros para potenciar a cidade como centro de peregrinación cristiá, co obxectivo de dinamizar o sector turístico e a actividade económica, e contribuír á xeración de emprego.


Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova