Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Concello, Deputación e Fundación Laboral da Construción comparten a necesidade de crear en Lugo un Consorcio de rehabilitación e arqueoloxía


# Venres, 13/05/2011


Imaxe Asociada
Orozco, Besteiro e Hipólito Trinidad asinaron un convenio para colaborar na formación da rehabilitación en pedra natural que atende unha demanda das empresas da construción necesitadas de man de obra especializada

O Concello xa colaborara coa Fundación Laboral da Construción nun curso de formación en madeira


O Alcalde de Lugo, José López Orozco, o Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e o Presidente da Fundación Laboral da Construción, Hipólito Trinidad, acompañados dos representantes dos Sindicatos, asinaron este venres un convenio de colaboración para poñer en marcha un plan de formación especializada e cualificada no sector da rehabilitación en pedra natural en Lugo.

Deste xeito, as tres entidades satisfacen unha das grandes demandas das empresas da construción neste momentos: a existencia de man de obra especializada no traballo da pedra.

O Alcalde lembrou que o Concello xa colaborara coa Fundación Laboral da Construción nun curso de formación en carpinteiría, organizado ó abeiro do Plan Urban, no que participaron 11 desempregados que aprenderon a traballar a madeira e que, entre outros labores, rehabilitaron portas e celosías do Vello Cárcere. O curso contou cun presuposto de 57.500 euros e tivo unha duración de 540 horas.

Tanto o Alcalde como o Presidente da Deputación e o Presidente da Fundación Laboral da Construción coincidiron en que neste momento económico o sector da construción ten un importante nicho de traballo na rehabilitación.

López Orozco falou da importancia deste sector na cidade de Lugo e salientou que “cando pasen as eleccións é o momento de retomar a idea de crear un Consorcio de rehabilitación e de arqueoloxía para o Centro histórico, do que son partidarios o Concello, a Deputación e APEC e haberá que acadar o apoio do Goberno e a Xunta”. “Esa sería a guinda que coroe o pastel que hoxe empezamos a construír”, dixo o Alcalde.

Gómez Besteiro considerou “unha gran idea” que o Consorcio sexa para toda a cidade e non só para o Casco histórico e tamén destacou a importancia do convenio asinado hoxe porque “os cambios económicos fan necesaria unha adaptación e agora toca buscar empregos de todo tipo e en todo tipo de actividades".
 
Pola súa parte, Hipólito Trinidad amosou a súa confianza en que “nos próximos catro anos consigamos ese Consorcio, que é moi importante" e salientou que "a rehabilitación está empezando a tirar pola construción, estamos empezando a crear emprego, e na rehabilitación os principais traballos son a canteiría e a madeira".

O convenio

O Concello colaborará no asesoramento e concesión de permisos e licenzas necesarios, así como coa cesión dos espazos públicos que se consideren oportunos para realizar as prácticas dos cursos, a Deputación fará unha achega económica de 150.000 euros neste plan de formación e a Fundación Laboral da Construción cederá as súas instalacións de Lugo para o desenvolvemento das accións formativas.

Esta é a primeira vez que se imparte en Lugo un módulo específico no sector da rehabilitación en pedra natural, de tal xeito que permitirá aumentar a competitividade e a produtividade das empresas coa incorporación dos persoal que se forme a través desta iniciativa, e poñer en valor o casco histórico da cidade. Na actualidade, en Lugo existen algo máis dunha decena de empresas especializadas no tratamento deste material, sendo a de Ingemarga, situada na localidade de Parga (Guitiriz), unha das máis grandes de España. Asimesmo, en toda a provincia só existe un taller no que se elaboran pedras artesanalmente, que é propiedade da Deputación e que se sitúa no polígono industrial de Begonte. Nestas instalacións, ademais de realizar traballos de rehabilitación, están homologadas para impartir formación dos módulos de Formación Profesional relacionados co sector.

A Fundación Laboral da Construción naceu no ano 1992 e ten por obxectivo o fomento da formación profesional, a mellora da seguridade e a saúde no traballo, así como a profesionalización e dignificación do emprego no sector. Como entidade privada sen ánimo de lucro, xurde a partir do Convenio Xeral da Construción e por iniciativa das entidades máis representativas dos sector: Confederación Nacional da Construción e Federacións Estatais de Construción, Madeira e Afins de Comisións Obreiras e UXT. Durante o ano 2010, máis de 200.000 traballadores do sector da construción se formaron nalgún dos cursos impartidos por esta entidade en toda España.

Escoitar audio:
Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova