Imprimir

UN CENTENAR DE PERSOAS ESTREAN AS ACTIVIDADES DE LUGOTEANDO NO RÍO MIÑO


16/5/2011 O wakeboard foi a primeira das propostas que cubriu a cota de prazas dispoñibles para esta primeira fin de semana do orixinal programa da Deputación

A modalidade Ligoteando arrancou tamén este sábado cun grande éxito de convocatoria, pois na primeira velada das Noites Máxicas -con paseo en catamarán, espectáculo de ilusionismo e degustación de pinchos- está previsto que participen 52 persoas
As actividades no Miño continuarán os días 21, 22, 28 e 29 de maio e o 4 e 5 de xuño. Para inscribirse hai que chamar ós números 982.12.00.64 ou 609.90.32.11


As actividades do programa de ocio ecolóxico Lugoteando da Deputación de Lugo arrancaron esta fin de semana no río Miño cun grande éxito de convocatoria. Un centenar de persoas estrearon a orixinal iniciativa, na que a proposta máis demandada é o wakeboard, sendo a primeira en cubrir a cota de prazas dispoñibles para esta primeira fin de semana. Hoxe tamén está previsto que comece a modalidade Ligoteando coa participación de 52 persoas na primeira velada das Noites Máxicas, consistente nun romántico paseo en catamarán polo río Miño, espectáculo de ilusionismo e degustación de pinchos.

Nesta segunda tempada de Lugoteando destaca o gran interese que a oferta lúdica medioambiental está espertando en veciños de fóra da provincia, pois estanse rexistrando numerosas inscricións de persoas da Coruña, Ferrol, Santiago ou Pontevedra.

Tras a fin de semana, as actividades no Miño continuarán os días 21, 22, 28 e 29 de maio e o 4 e o 5 de xuño. A oferta programada está dirixida a toda familia e custa 5 euros por persoa para potenciar a participación. As actividades son as seguintes: bolas e bananas acuáticas para flotar sobre a auga; os sea-scooter para mergullarse como golfiños; rutas pola ribeira dirixidas por expertos en bioloxía; xogos infantís acuáticos; paddle surf, que tonifica todos os músculos ó remar a bordo de táboas de surf, e wakeboard, unha combinación entre esquí acuático e snowboard na que hai manter o equilibrio sobre unha táboa; paseos en batuxo –antigas barcas de madeira hoxe moi difíciles de ver- e circuítos por terra en monopatíns eléctricos.
Esta serie de propostas desenvolveranse tamén nas praias mariñanas, onde a maiores se ofrece kite surf, unha variante espectacular deste deporte que non deixa de gañar adeptos na provincia e que incorpora cometas. Na Costa, as xornadas terán lugar en xuño: os días 11 e 12 Foz; 18 e 19 en Burela, e 25 e 26 en Ribadeo. Celebraranse en quendas no horario de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00.

As datas de Ligoteando
En canto á modalidade Ligoteando, ten como escenario o río Miño e tódalas veladas comezarán ás 20:00 horas. Hai tres versións:
- Paseos Chill Out: travesía en catamarán amenizada por un Dj con música chill out, pinchos e degustación dun cóctel elaborado con produtos autóctonos da provincia. Días: 27 de maio e 4 de xuño. Prezo: 15 euros.
- Noites Máxicas: paseo en catamarán cun espectáculo de ilusionismo e maxia, máis degustación de pinchos. Día: 21 de maio. 15 euros.
- Paseos Románticos en batuxo: experiencia de 30 minutos nun batuxo tradicional no que a parella gozará dun paseo polo Miño, conducida por un remeiro, e degustará un cóctel de produtos autóctonos. Días: 20 e 28 de maio. Prezo: 10 euros

Como inscribirse
Os interesados en participar no programa de ocio ecolóxico poden inscribirse chamando ó 982.12.00.64 ou 609.90.32.11, ou ben facelo na propia localización das actividades, antes de comezar, o que non garante que haxa vacantes. O pago das cotas de inscrición poderase efectuar previamente na conta bancaria de Banesto: 0030-7060-30-0298064273 co concepto Lugoteando, ou antes de cada actividade. Pódese obter máis información en: www.deputacionlugo.org ou www.lugo.es ou chamando ó teléfono de información municipal 010 do Concello de Lugo. No caso dos menores de idade, deben presentar unha autorización asinada dos pais ou titores, que poden descargar nas web.