Cargando....
Concello de Lugo
20/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Chega unha das grandes citas do Festival de Música Cidade de Lugo, o recital da soprano Roberta Invernizzi adicado ao barroco italiano


# Luns, 16/05/2011
O concerto será o mércores día 18 de maio ás 20.30 horas no Círculo das Artes
A entrada, coma sempre no festival, é libre ata completar o aforo do local en todos os concertos


Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
Arrinca a segunda semana de concertos da trixésimo novena edición do Festival de Música Cidade de Lugo coa actuación, o mércores día 18 de maio ás 20.30 horas no Círculo das Artes, dunha das grandes figuras do cartel do festival, a soprano italiana Roberta Invernizzi.

Coma en anos anteriores, a ampla oferta lírica do festival está garantida pola calidade e prestixio dos cantantes que adornan o cartel do festival, cheo de grandes nomes como os de Sergei Leiferkus, Nùria Rial, Marta Infante ou Njabulo Madlala. É un dos grandes nomes propios deste ano é sen dúbida o da soprano italiana Roberta Invernizzi. Cantante de personalidade e sensibilidade exquisita, Roberta Invernizzi ofrecerá un fermosísimo programa cheo de cancións e madrigais do Seicento italiano. L’isola amorosa é o título dun concerto que serve para ilustrar o nacemento nas primeiras décadas do século XVII da monodia (o canto a voz soa que revolucionou a capacidade expresiva e de despertar emocións do canto), ao tempo que inclúe algunhas das cancións máis fermosas da historia da música, obra de autores como Monteverdi, Frescobaldi ou Caccini.

A soprano milanesa Roberta Invernizzi é unha especialista no repertorio antigo, barroco e clásico. Solista de prestixio, é invitada constantemente a actuar nos principais teatros, festivais e salas de concerto europeos e norteamericanos (Scala de Milán, La Fenice de Venecia, Musikverein de Viena, Londres, Salzburgo, San Carlo de Nápoles, París, etc.) baixo a dirección de persoeiros da talla de Nikolaus Harnoncourt, Ivor Bolton, Ton Koopman, Gustav Leonhardt, Frans Brüggen, Jordi Savall, Alan Curtis, Giovanni Antonini, Fabio Biondi, Antonio Florio, Rinaldo Alessandrini, Andrea Marcon e Ottavio Dantone. Máis de sesenta gravacións discográficas (moitas delas galardoadas con importantes premios) avalan a carreira desta soprano que actualmente tamén imparte clases maxistrais na reputada Scuola Civica de Milán.

Roberta Invernizzi estará acompañada no escenario do Círculo das Artes polo artista compostelán Manuel Vilas e o tiorbista norteamericano Craig Marchitelli. Especialista nas arpas antigas e barrocas, o compostelán Manuel Vilas é un dos músicos galegos que goza de maior recoñecemento internacional que compaxina os seus concertos e recitais con conferencias, cursos e clases maxistrais. Manuel Vilas fundou hai 3 anos o conxunto Ars Atlántica e está centrado nun ambicioso proxecto de recuperación de pezas vocais do barroco español, os tonos humanos. Nado en Brooklyn e residente hai anos en Italia, Craig Marchitelli colabora habitualmente con prestixiosos grupos de música antiga como a Accademia Bizantina, La Capella della Pietà de Turchini ou Dolce e Tempesta, conxuntos cos que ten actuado nos máis destacados festivais e auditorios de toda Europa.

A entrada, coma sempre no festival, é libre ata completar o aforo do local en todos os concertos.

Concerto 4 - Mércores 18 de maio ás 20.30 horas no Círculo das Artes

L’isola amorosa: madrigais e cancións do Seicento italiano
ROBERTA INVERNIZZI (Soprano)
MANUEL VILAS (Arpa doppia)
CRAIG MARCHITELLI (Tiorba)
Obras de Frescobaldi, Caccini, Merula, Monteverdi, Ferrari, Strozzi, etc,


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova