Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Concello, Deputación e Uned asinan o convenio de cesión do uso do edificio principal do Hotel Miño para sede da Universidade a distancia


# Luns, 16/05/2011
As tres institucións investirán 1,3 M€ na adecuación das instalacións que cede por 30 anos a Deputación

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
Coa proposta do Alcalde da capital e os traballos da Deputación, esta aforra os 105.000 euros que lle custaba o aluguer do espazo no que se sitúa na actualidade o centro educativo
O organismo provincial xa rematou os traballos de acondicionamento do bloque número 2 no que se emprazará o aparcadoiro para os 1.500 alumnos e os usuarios da UNED

Deputación e Concello poñen en marcha o Arquivo Provincial, no que traballarán 14 novos profesionais contratados co Lugo Emprega, que se engaden ós 4 que xa prestan este servizo na actualidade, e para o que a entidade local cede diverso material para a dixitalización

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, o Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e o Reitor da Universidade Nacional de Educación a Distancia, Juan Antonio Gimeno, asinaron este luns o convenio de colaboración a través do cal o organismo provincial cede o uso do edificio principal do Hotel Miño á UNED para converterse na súa sede oficial.

Trala sinatura do convenio, o Alcalde destacou que “hoxe damos un paso muy importante na historia da cidade. Case que 1.500 alumnos de Lugo e a provincia están na UNED. Con este convenio logramos darlle máis realidade e asentar este ensino na cidade e aumentar as posibilidades de que estuden en Lugo e poidan cursar outras titulacións que antes noneran posibles. Ademais, demostra que o Plan Director do río Miño, que presentamos hai uns meses, é unha realidade, xa que esta actuación permitirá por en valor este entorno”.

Besteiro subliñou que “este é un paso máis que damos Deputación e Concello para avanzar nos trámites do traslado do centro educativo a estas instalacións, o que nos permitirá aforrar o custe anual polo aluguer do espazo no que se sitúa na actualidade a UNED. En total, 105.000 euros”. A Xunta de Goberno provincial aprobou o pasado venres a licitación conxunta do proxecto e da obra.

A nova sede converterase nun referente neste tipo de ensinanza universitara do noroeste de España, xa que permitirá consolidar e ampliar as titulacións impartidas pola Universidade Nacional de Educación a Distancia. Disporá de preto de 2.000 metros cadrados útiles que se distribúen en catro prantas, nas que se situarán unha biblioteca de acceso libre, 16 aulas, ademais dun salón de actos, varios laboratoiros, sala de reunións e de dirección, e unha área de informática. A este respecto, o Reitor suliñou que “a través de este convenio seguiremos cooperando para adecuar este edificio como nueva sede de la UNED a partir del próximo año. Este centro es de los más jóvenes, costó un poco que naciera pero afortunadamente ahí está y esto es un paso hacia la mayoría de edad a poco de nacer. Va a tener una sede extraordinaria y con unas posibilidades magníficas para el mejor servicio a los estudiantes que van poder tener todos los adelantos tecnológicos y comodidades para cursar sus estudios”.

Segundo figura no convenio subscrito polas tres entidades, o investimento que se realizará na adecuacións destas instalacións é de 1.300.000 euros. Desta cantidade, 300.000 euros serán aportados pola UNED nas anualidades 2011 e 2012, e 1 millón polo organismo provincial, tal e como acordo o Pleno en abril. A contratación correrá a cargo da Deputación de maneira que, unha vez executada, se formalizará a cesión de uso a favor da UNED. Pola súa banda, o Concello responsabilizarase do acondicionamento e mantemento das zonas verdes pertencentes ó Complexo do Miño. O acordo ten unha vixencia de 30 anos, data a partir da cal o uso das instalacións revertirán novamente na Deputación con todas as súas accesións.

Asimesmo dentro do obxectivo de axilizar os trámites, a institución provincial xa rematou os traballos de acondicionamento do bloque número 2 no que se emprazará o aparcadoiro que será empregado polos 1.500 alumnos do centro formativo, así como polos 32 traballadores do Arquivo Provincial, da Axencia Provincial da Enerxía e das brigadas de mantemento.

Comeza a funcionar o Arquivo

O Presidente da Deputación e o Alcalde de Lugo tamén asinaron o convenio de colaboración para levar a cabo o taller de documentación denominado “Os Arquivos do Pazo”, que comezou a funcionar hoxe no Hotel Miño, e que o organismo provincial puxo en marcha para poñer en valor este espazo de gran interés para a provincia. Deste xeito, no marco deste acordo, a entidade local cede ó organismo provincial parte do material empregado pola escola-obradoiro de documentación “A Memoria da Cidade”, permitíndolle aforrar á Deputación o custe que suporía a adquisición deste material para levar a cabo o traballo de dixitalización.

Logo da sinatura, Gómez Besteiro, López Orozco, e o Reitor da UNED percorreron as instalacións nas que se sitúa o Arquivo. O espazo no que se emprazaba non reunía as condicións necesarias ó presentar problemas de humidade, o que dificultaba a conservación das máis de 12.000 unidades de instalación existentes nos depósitos que ten o Arquivo na actualidade e que se situaban 2 no Pazo de San Marcos e 1 no INLUDES. “Quixemos poñer en valor este valiosísimo material porque supón unha fonte de información marabillosa para os investigadores e estudantes de toda a provincia e que nos vai trasladar á historia. Que hoxe a Deputación e o Concello se dén unha vez máis a man vai a contribuír en novos froitos á cidadanía e á provincia”. Neste senso, o Alcalde subliñou que “esta colaboración servirá para darlle un mellor servizo ós cidadáns e ós investigadores. Son pasos que imos dando para que a cidade esté en mellores condicións”.

No Arquivo traballarán os 14 desempregados contratatados co Plan Lugo Emprega e os 4 profesinais que xa prestan este servizo na actualidade. Todos eles, encargaranse dos traballos de dixitalización e catalogación da información, polo que esta é a primeira vez na historia da Deputación que se incorpora persoal cualificado e preparado para facer este traballo. O novo espazo reúne as condicións necesarias para albergar o Arquivo. Previamente, correxíronse as deficientes condicións de estanqueidade e as filtracións existentes que se produción na cuberta do edificio e dotouse de medidas de seguridade axeitadas, tapiando ocos e fiestras e instalando un sistema de alarma e 4 cámaras de vixilancia que están conectadas coa central da Deputación.

Documentación dende o século XIX

O actual arquivo existe como tal dende 1934. Nel pódense atopar, por exemplo, todas as actas da Deputación dende que se fundou ata hoxe, os Boletíns Oficiais da Provincia, incluído o primeiro que se publicou en papel, e toda a documentación de beneficiencia; área que dependía da Deputación ata finais da década dos 80 cando foi transferida á Xunta de Galicia. Deste xeito, nel figural todos os expedentes dos nenos que estiveron na casa de acollida de Alonso Vega ou na antiga Casa Cuna; esta última situada na que hoxe é a Escola de Imaxe e Son. En 2010 recibiu 230 consultas, a maior parte de investigadores e estudantes dos programas de Doutoramento.

Ademais do depósito, o Arquivo tamén inclúe unha biblioteca da historia da provincia, na que se atopa a colección de dereito que foi empregada polos letrados que traballaron na Deputación ó longo da súa historia, ademais de libros de xeografía, historia, antropoloxía e historia da arte da provincia dende o século XIX. Como novidade, dispón tamén dunha parte expositiva na que se inclúen mobles dos despachos dos distintos Presidentes que tivo a institución e un catálogo de biblioteca único, que data de finais do s. XIX e principios do XX formado polos ficheiros antigos do Hospital de San José.

O Hotel Miño fora adquirido polo organismo provincial en 1984, pero nunca cumpriu os fins para os que foi adquirido. Neste senso, co obxectivo de facelo útil á provincia e logo de que a Xunta de Galicia rexeitase a petición da Asociación Provincial de Hostalería para a instalación dun centro de formación nestas instalacións, a Deputación e o Concello conseguen darlle un uso público situando no mesmo a UNED e o Arquivo.
Escoitar audio:
Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova