Imprimir

PRIMEIRO DOS CONCERTOS DO FESTIVAL DE MÚSICA CIDADE DE LUGO 2011 ADICADOS Á MÚSICA CONTEMPORÁNEA: VANGARDA E COMPOSITORES GALEGOS CO DÚO DE VIOLÍN E MARIMBA DE JORGE MONTES E ALEJANDRO SANZ


18/5/2011

Como ven ocurrindo nos últimos anos, a edición 2011 do Festival de Música Cidade de Lugo non esquece a música contemporánea e a creación actual, protagonista de dous dos concertos do festival.

O primeiro destes concertos terá lugar no Círculo das Artes o xoves 19 de maio, ás 20.30 horas, e será o do dúo de violín e marimba formado por Jorge Montes e Alejandro Sanz. Na procura dunha nova tímbrica... é o título dun programa de música vangarda que inclúe obras de dous autores galegos, o compostelán Fernando Buide e o lituano afincado na nosa terra Karolis Biveinis. Ademais, Montes e Sanz interpretarán senllos dúos para violín e marimba do chinés Thomas Oboe Lee e do norteamericano David P. Jones.

Percusionista da Sinfónica de Galicia dende hai 18 anos, Alejandro Sanz Redondo é un inquedo músico que compaxina a súa actividade como membro da orquestra coruñesa con concertos e cursos que imparte por toda España. Actualmente é ademais director académico da Orquestra de Novos da Sinfónica de Galicia. O violinista galego Jorge Montes completou a súa formación en Holanda e Italia e na actualidade é profesor no Conservatorio de Ferrol e director da Orquestra de Nenos da Sinfónica de Galicia.

A entrada, coma sempre no festival, é libre ata completar o aforo do local en todos os concertos.

Concerto 5 - Na procura dunha nova tímbrica...
JORGE MONTES (Violín)
ALEJANDRO SANZ (Marimba)
Obras de Buide, Oboe, Biveinis e Jones.
Xoves 19 de maio de 2011 ás 20.30 horas no Círculo das Artes.