Imprimir

OS LUCENSES TIVERON HOXE A OCASIÓN DE DESCUBRIR A PISCINA ROMANA DE SANTA MARÍA


18/5/2011 Con esta Xornada de portas abertas por obras o Concello conmemorou o Día dos Museos

O recinto no que traballan os arqueólogos para recuperar este tesouro romano estivo aberto todo o día para que puideran velo escolares e público en xeral

O Concello de Lugo conmemorou hoxe o Día dos Museos cunha xornada de portas abertas na piscina romana de Santa María.

O recinto, no que traballan os arqueólogos para recuperar a piscina romana, permanece aberto desde as 9.00 ata as 20.00 horas para que toda a cidadanía teña a ocasión de ver estes importantes restos do noso pasado, segundo salientou o Alcalde, José López Orozco, que tamén se achegou ver a piscina, acompañado pola Concelleira de Economía, Sonia Méndez, e a Delegada de Urbanismo, María Novo.

“Ademais de festexar o Día dos Museos, queremos que hoxe veñan os lucenses ver esta marabilla que estaba soterrada, porque deste xeito coñecerán máis a nosa historia e tamén quererán máis a nosa cidade e o seu pasado”, sinalou López Orozco que salientou, ademais, “a necesidade de crear un Consorcio que nos permita sacar á luz e conservar os restos que aínda están soterrados en Lugo.”

A existencia de máis restos no subsolo da cidade foi, precisamente, un dos temas que suscitou a curiosidade dalgúns escolares que visitaron a escavación esta mañá, cadrando coa presenza do Alcalde no lugar.

Grazas a esta iniciativa do Concello, tanto os grupos de escolares como os cidadáns en xeral e tamén os visitantes puideron ver hoxe como é a piscina e como fan os arqueólogos o seu traballo de recuperación destes importantes restos romanos.

O proxecto de restauración e posta en valor da piscina romana que estaba soterrada na praza de Santa María lévase a cabo con financiamento da Unión Europea, a Deputación Provincial e o Concello de Lugo, ó abeiro do Plan Urban.

Cando estean rematados os traballos arqueolóxicos, a piscina romana quedará cuberta cun vidro e pasará a formar parte do circuíto de ventás arqueolóxicas, que proxecta crear o Concello e que estará formado tamén polos restos do Acueduto descubertos durante as obras de peonalización da Praza de San Marcos e a ventá arqueolóxica da Rúa Nova. Neste circuíto tamén incluirán os museos in situ, e mesmo as ventás arqueolóxicas existentes en establecementos hostaleiros e comerciais, xa que os seus propietarios teñen agora a posibilidade de obter unha subvención, con cargo ao Plan Urban, para a súa mellora en iluminación e cambios de cristais.

www.lugo.es/urban