Cargando....
Concello de Lugo
11/07/20
NOVAS
Escoita esta páxina

O Arde Lucus celebra o seu décimo aniversario como Festa de Interese Turístico Galego e con máis de 240 actividades


# Xoves, 19/05/2011
O Arde Lucus 2011 celebrarase o venres día 17, sábado 18 e domingo 19 de xuño

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
A festa, que terá máis de 240 actividades, xirará en torno ao irmanamento romano-castrexo

O Alcalde destacou o gran retorno económico desta festa para a cidade, tanto no comercio, na hostalería ou no hospedaxe, e que o pasado ano estimouse en dez millóns de euros


O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e a Concelleira de Xuventude, Rosana Rielo, presentaron esta mañá o programa do Arde Lucus 2011, festa que acada este ano a súa décima edición e que se desenvolverá na cidade o venres 17, sábado 18 e domingo 19 de xuño.

O Alcalde destacou que este ano, no que se celebra o décimo aniversario do Arde Lucus, e que ademais conta co recoñecemento de Festa de Interese Turístico Galego, a festa, “ideada por este equipo de goberno”, destacou Orozco, xirará en torno ao irmanamento das culturas romana e castrexa.

A temática da irmandade cultural plásmase no propio cartel da festa, onde aparecen por primeira vez explicitamente elementos do mundo castrexo. Tamén será a temática escollida para a escultura que se realizará no Campamento dos Forxadores. A Fragua da Irmandade e que será colocada na súa ubicación permanente na porta de Bispo Aguirre na tarde do domingo 19 de xuño. Nesta edición apóstase pola utilización de novos espazos, como é o caso da praza de San Marcos, que acollerá varias actividades de asociacións lucenses.

Este ano haberá 5 ubicacións propias, unha máis que o pasado ano, e apóstase tamén por darlle un maior impulso a espazos xa consolidados, como é o caso da Praza de Campo Castelo, onde se situará o Asentamento de Taranis, unha zona castrexa con actividades para toda a familia, en especial para os máis pequenos, que conta con programación propia durante toda a festa. Este é tamén o caso do Miúdo Arde, que cambia a súa ubicación á rúa Alférez Provisional, na que desenvolverá o seu apertado programa.

O Alcalde de Lugo destacou que esta festa permitiu que “descubríramos aínda máis a nosa orixe, a nosa cultura, o noso idioma e moitas das nosas tradicións”. Unha festa, sinalou Orozco, que “logrou case un milagre na nosa cidade. Agora o Concello é máis un espectador que un actor, xa que son milleiros as persoas que durante estes días xa están preparando os seus traxes para que en familia ou na compaña de amigos participen e disfruten da festa”. López Orozco asegurou que o Arde Lucus é unha festa turística moi importante, “cunha gran implicación por parte de comerciantes e asociacións, e cun gran impacto de retorno económico para a cidade, valorado o pasado ano en dez millóns de euros”. O investimento desta décima edición do Arde Lucus é aproximadamente de 250.000 euros, dos que máis da metade recaen sobre empresas e asociacións da cidade lucense.

A implicación das xentes de Lugo na festa supera, edición tras edición, á do ano anterior. Este aspecto pódese valorar en función da participación das ANPAS dos centros públicos e concertados de educación infantil e primaria da cidade: Neste 2011, puxéronse novamente en marcha obradoiros destinados á comunidade escolar, en colaboración coa Deputación Provincial de Lugo, a través do Centrad. A resposta dos centros foi rotunda. Das preto de 900 persoas participantes no 2010, procedentes de 10 centros lucenses, este ano pasamos a 13 centros e 1.200 persoas. E a través da participación das asociacións de recreación histórica da nosa cidade nas actividades do Arde Lucus. Caetra Lucensium, Civitas Lucensis, Lugdunum, Terra Copora e Tir Na N'Og montarán os seus campamentos na Castra de Lucus Augusti, no Carril das Estantigas. Tamén, por primeira vez, estas 5 asociacións faranse cargo da Expugnatio do venres á tarde. A Cohors III Lucensium asentarase na Praza Maior e tamén se encargará de recrear unha revolta entre castrexos e romanos, nesta caso na tarde do sábado. Tamén participarán a APA do Conservatorio, Ilusionarte, Nova Escena, Hipócrita Teatro, Fundación Anade e Alas.

Unha das novidades do programa é un acto novo que terá lugar no circo, será “A vinganza das Amazonas”, unha mestura de combates, danzas místicas, acrobacias e loita de gladiadores. Tamén haberá pasarrúas que simulan a captura de Minotauro, espectáculos de percusión e fogo con Razas de noite, ou a representación teatral da Caixa de Pandora.

As entradas para o Circo Romano e o espectáculo “A vinganza das Amazonas” poderán adquirise a través da páxina web www.servinova.com ou telefonicamente no 902.504.500. O prezo das entradas será de 2 euros.

As empresas patrocinadoras deste Arde Lucus 2011 son: Excma. Deputación Provincial de Lugo, o Centro de Artesanía e Deseño, Estrella Galicia, Asogal, Urbaser, CC As Termas, Transportes Valín e Hijos, Monbús, Coca-Cola, Hostal Parrillada Porta Santiago.

 

www.ardelucus.com

Arde Lucus nas redes sociais:

Facebook: http://www.facebook.com/ardelucuslugo
Twitter: http://twitter.com/ardelucus
Flickr: http://www.flickr.com/photos/ardelucus
YouTube: http://www.youtube.com/ardelucuslugo
Tuenti: http://www.tuenti.com/#m=Page&func=index&page_key=1_1555_59658435


Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova