Cargando....
Concello de Lugo
23/11/19
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo é o único de Galicia que acada o certificado de calidade na área económico-financieira


# Xoves, 19/05/2011
Os servizos de Economía e Contratación e de Atención Cidadá do Concello de Lugo recibiron hoxe os certificados europeos que avalan a calidade da súa xestión

Imaxe Asociada
O Alcalde destaca que supón un recoñecemento á transparencia coa que se xestionan os cartos públicos e á atención que se presta ós veciños


O Alcalde de Lugo, José López Orozco, acompañado polas Concelleiras de Economía e Emprego, Sonia Méndez, e de Servizos Xerais, Luisa Zarzuela, recibiron hoxe os certificados de calidade que avalan o bo funcionamento dos servizos municipais de Economía e Contratación e de Atención e Participación Cidadá. A entrega dos certificados correu a cargo do Director de AENOR en Galicia, Martín Pita López.

O Alcalde salientou que a concesión destes certificados significa que os dous servizos do Concello “pasaron a proba do algodón e isto supón un gran motivo de satisfacción, sobre todo cando algúns se adican a repartir panfletos anónimos, que todos sabemos de onde veñen, cos que queren poñer en dúbida a profesionalidade dos servizos do Concello”.

López Orozco manifestou tamén que “se certifica a transparencia do Concello, especialmente en temas que fan referencia á contratación, e tamén vén demostrar a extraordinaria saúde económica deste Concello, dá igual o que diga Agamenón ou o Porqueiro, temos a economía saneada, sábeno os lucenses e tamén o saben os bancos que, nestes tempos, acudiron todos ó último concurso para asinar un préstamo”.

Ademais o Alcalde manifestou que “a mellora da calidade dos servizos tamén ten que ver co emprego e as condicións de vida dos lucenses” e engadiu que “comprendemos a aqueles que se indignan ante as políticas do non e as políticas basura”.

López Orozco sinalou tamén que “cando eu entrei no Concello, dixen que quería cambiar a resignación pola ambición porque eu non me resigno a un mundo como o que temos, por iso traballamos porque Lugo teña máis calidade e teña futuro, a nosa é unha cidade emprendedora, que ten demostrado que nos malos momentos, cando está ben liderada, é capaz de superar todas as probas”.

Ademais, o Alcalde felicitou ás Concelleiras de Economía e Emprego e de Servizos Xerais e tamén gabou ós funcionarios que traballan nos dous departamentos.

Exemplo para Galicia

Pola súa parte, o Director de AENOR para Galicia asegurou que o Concello de Lugo é un exemplo para Galicia xa que “é o único galego que ten a súa área económico-financieira certificada e isto non é nada fácil porque supón, por exemplo, que se fan os pagos en data ós proveedores”. Marín Pita salientou tamén que “nos deron todas as facilidades para verificar, comprobar e preguntar e iso é un exemplo de transparencia”.

O organismo europeo IQNET e a Asociación Española de Normalización e Certificación AENOR concedéronlle ós servizos de Economía e Contratación e de Atención e Participación Cidadá do Concello de Lugo os certificados que garanten o cumprimento das normas de calidade ISO 9001.





Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova