Cargando....
Concello de Lugo
15/07/20
NOVAS
Escoita esta páxina

O CENTRAD organiza a primeira exposición conxunta dos creadores lucenses Lugilde e Fernando Villapol


# Xoves, 19/05/2011


Imaxe Asociada Imaxe Asociada

A Delegada de Urbanismo asistiu á inauguración da mostra dos dous consagrados artistas que presentan “Evulutión Kalimándrika”, un título co que aluden á combinación do real, o abstracto e o máxico que caracteriza a súa obra

Composta por 27 pinturas e 14 esculturas, a mostra está aberta dende hoxe e hasta o 19 de xuño en horario de 10:30 a 14:00 de luns a venres, de 17:00 a 20:00, os sábados e de 11:00 a 14:00, os domingos

A Delegada de Urbanismo, María Novo, asistiu esta tarde á inauguración da primeira exposición conxunta que realizan os consagrados artistas lucenses José María Lugilde e Fernando Villapol, que organizou o Centro de Artesanía e Deseño (CENTRAD) da Deputación. O pintor e o escultor, acompañados pola Delegada de Urbanismo, inauguraron este xoves a mostra, á que decidiron poñer por por título “Evulutión Kalimándrika”, no que combinan os conceptos evolución e maxia, segundo explican os creadores, aludindo á fusión da figuración e o abstracto que caracteriza a súa obra. As pezas poderán visitarse hasta o próximo 19 de xuño, en horario de 10:30 a 14:00 de luns a venres; de 17:00 a 20:00, os sábados, e de 11:00 a 14:00, os domingos.

A exposición recolle 27 pinturas de Lugilde, principalmente óleos, nas que plasma a súa visión onírica e fortemente sarcástica “do mundo no que vivimos, amedrentado pola política, a relixión e a economía”. A súa obra bebe das fontes do surrealismo e na súa técnica mestura a estética medieval coa do cómic.

Pola súa banda, Villapol mostra 14 esculturas, talladas en materiais nobres como castaño, granito e mármore, nas que combina a realidade con toques de “fantasía, ilusión e a utopía dun mundo mellor”.

A idea de realizar unha exposición conxunta xurdiu hai varios meses de Fernando Villapol, que deste xeito segue coa súa particular cruzada de favorecer a unión dos artistas para crear un “potente movemento que lle outorgue peso social á arte en particular e á cultura en xeral”.

Currículo dos autores

José María Lugilde naceu no barrio lucense da Ponte en outubro de 1943 e desenvolveu os seus estudos de debuxo e pintura na Escola de Artes e Oficios da Fundación Bolaño Ribadeneira, en Lugo. No ano 1968 emigra a Brasil, onde traballa en distintas fábricas mentres continúa os seus estudos artísticos nas Escolas de Arte do Estado de Sao Paulo. Participou en exposicións colectivas dende o ano 1966, tanto en España como en Brasil, e organizou as súas propias mostras dende 1975, primeiro en Brasil e posteriormente en España, onde amosou o seu traballo en distintos puntos de Galicia, Santander, Ponferrada, Oviedo, Medina del Campo, Madrid ou Zamora.

Fernando Villapol naceu no ano 1953 en Santirso de Abres, en Asturias, trasladándose no 75 á localidade chairega de Bretoña, onde desenvolve a súa labor cultural recompilando vestixios e creando arte. As pezas históricas exponas no seu Museo Pedagóxico-Etnográfico, situado en Bretoña, mentres que as pezas artísticas paséanse por salas de arte de todo o país e do estranxeiro, como en Francia ou Estados Unidos. A súa faceta artística aparece reflectida en numerosos catálogos, revistas de arte, enciclopedias e incluso en libros de divulgación internacional, como “Contemporary Sculptors” da Editorial Books LLC, en Memphis.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova