Cargando....
Concello de Lugo
25/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Recital de clave do asturiano Aarón Zapico, música galega para piano a catro mans e taller de danza para nenos entre as actividades da terceira semana do Festival de Música Cidade de Lugo 2011


# Venres, 20/05/2011
A entrada, coma sempre no festival, é libre ata completar o aforo do local en todos os concertos.

A música para teclado (clave e piano), o barroco e a danza son os fíos musicais condutores da terceira semana de concertos da trixésimo novena edición do decano dos festivais galegos de música clásica, este Festival de Música Cidade de Lugo (tradicionalmente coñecido como Semana do Corpus) que extenderá as súas actividades ata o 2 de xuño con quince concertos. Estes quince concertos inclúen 2 concertos familiares e para nenos e, unha novidade, un taller de danza renacentista para nenos que se celebrará a mañá do próximo sábado 28 de maio no Conservatorio Profesional de Música.

Nas cinco últimas edicións, o piano converteuse nunha das apostas máis sólidas do festival, que este ano organizou catro concertos que, sen dúbida, ofrecerán unha ampla visión das posibilidades dos instrumentos de teclado. Tras o recital de fortepiano de Patricia Rejas, chega agora a vez do clave e do piano a catro mans.
O clavecinista asturiano Aaron Zapico, aos seus 33 anos abandeirado da nova xeración de intérpretes de música antiga españois como solista e director do conxunto Forma Antiqva, ofrecerá na sede da Fundación Caixa Galicia o luns 23 de maio un fermoso e atrainte programa. Fantasía é o título do concerto que inclúe unha ampla mostra de obras de compositores barrocos italianos, alemáns e ingleses.

O piano a catro mans estará representado polo Dúo Scaramouche, un dúo formado polos dous pianistas galegos Jorge Briones e Javier Ares, que interpretarán un programa dedicado integramente a compositores galegos no Círculo das Artes o martes 24 de maio: o século XIX estará representado por Francisco Pillado, Marcial del Adalid e o seu primo Marcial de Torres Adalid e o século XX e a música dos nosos días por Carlos López García-Picos e Paulino Pereiro.

A música galante do tempo do fillo máis famoso de Bach, Carl Philipp Emanuel Bach, é o fío condutor do concerto que ofrecerá na sede da Fundación Caixa Galicia (mércores 25 de maio) o dúo de viola da gamba e clave formado polo barcelonés Santi Mirón e a estona Marju Vatsel.

E esta terceira semana remata coa segunda das achegas do festival pensando no futuro, nos nosos rapaces: o “Corpus dos Nenos” que este ano inclúe dous concertos en familia e un taller de danza.
Danza e música combínanse na dobre iniciativa da agrupación Saor en Danza para o sábado 28 de maio no Conservatorio Profesional de Música. Comezando pola mañá (11:30) cun taller de danza de renacentista para rapaces dirixido por Dolores Fojón e rematando pola tarde (18:00) cun concerto familiar pensado para toda a familia no que a danza conta cun protagonismo especial: María Patiño, Lourdes Martínez, Adela Marono, Sabela Asorey, Julia Sueiro e Ana Asorey bailarán a coreografía de Dolores Fojón, mentres que a parte musical estará a cargo de Carlos García Amigo (viola da gamba) e de Diego Rojo (laúde).

A entrada, coma sempre no festival, é libre ata completar o aforo do local en todos os concertos.

Concerto 8
Fantasía
AARÓN ZAPICO clave
obras de Frescobaldi, Froberger, Purcell, Valente, etc.
luns 23 de maio de 2011
Fundación Caixa Galicia ás 20:30 horas

Concerto 9
Galicia e o piano a catro mans
DÚO SCARAMOUCHE piano a catro mans
(JORGE BRIONES E JAVIER ARES)
obras de Adalid, Pillado, García-Picos e Pereiro
martes 24 de maio de 2011
Círculo das Artes ás 20:30 horas

Concerto 10
Música Galante
SANTI MIRÓN viola da gamba
MARJU VATSEL clave
obras de Ruhe, Schaffrath e Carl Philipp Emanuel Bach
mércores 25 de maio de 2011
Fundación Caixa Galicia ás 20:30 horas

Concerto 11 (O Corpus dos nenos)
Taller de danza e Concerto en familia
Orchesographie, ou a conversa entre música e danza
SAOR EN DANZA
sábado 28 de maio de 2011
Conservatorio Profesional de Música
Taller de danza renacentista 11:30
Concerto en familia 18:00




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova