Cargando....
Concello de Lugo
19/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Ferida unha muller ó ceder unhas táboas, esta mañá, no adarve da Muralla na zona da Porta do Carmen


# Venres, 20/05/2011
O Concello comunicou á Xunta de Galicia o día 6 de maio as deficiencias e o risco que supoñen para os peóns

O Concello lamenta o suceso e vólvelle reclamar á Xunta que asuma as súas responsabilidades co patrimonio de Lugo


Unha muller de 68 anos resultou ferida hoxe nunha perna ó afundir unhas táboas no adarve da Muralla, na zona da Porta do Carmen. O suceso tivo lugar contra as doce do mediodía, segundo informou a Policía Local, que acudiu ó lugar do suceso, xunto cunha dotación do Servizo de Bombeiros e unha ambulancia do 061.

A muller foi trasladada ó Hospital Lucus Augusti con lesións nunha perna. Aínda que nun principio pensouse que a perna lle quedara atrapada no burato entre os taboleiros rotos, finalmente non foi precisa a intervención dos bombeiros.

O Concello de Lugo lamenta o suceso e reclámalle á Xunta de Galicia que asuma dunha vez as súas responsabilidades co patrimonio no que ten competencia.

O Concello ten feito reiterados chamamentos á Consellería de Cultura para que se faga cargo dos traballos de conservación e limpeza da Muralla igual que doutros monumentos de Lugo que mantén abandonados.

No caso do lugar do adarve da Muralla no que hoxe resultou ferida unha cidadá, a Policía Local de Lugo remitiulle un fax o pasado día 6 ó departamento de Patrimonio da Xunta no que lle advirte da existencia das devanditas deficiencias no adarve da Muralla.

Esta mesma semana, o pasado luns, o Servizo Municipal de Protección Civil tivo que valar parte da fachada norte do Cuartel de San Fernando, na confluencia das rúas San Froilán e Quiroga Ballesteros logo de que un cidadán comunicara á Policía Local a aparición de gretas na parede dun edificio que ten a declaración de Ben de Interese Cultural. Previamente, a principios deste mes, o Concello ditara unha orde de execución debido ó risco que supón o mal estado no que se atopa o Cuartel de San Fernando.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova