Imprimir

MÚSICA GALEGA PARA PIANO A CATRO MANS NO CONCERTO DO DÚO SCARAMOUCHE NO FESTIVAL DE MÚSICA CIDADE DE LUGO 2011


23/5/2011

Continúan os concertos dedicados ao teclado na trixésimo novena edición do Festival de Música Cidade de Lugo co concerto para piano a catro mans do Dúo Scaramouche no Círculo das Artes mañá martes 24 de maio ás 20.30 horas.

Os pianistas galegos Jorge Briones e Javier Ares fundaron o Dúo Scaramouche hai cinco anos coa inquietude de presentar o infrecuentemente interpretado repertorio para dúo de piano prestándolle unha especial atención á música galega do noso tempo. Ambos pianistas teñen unha traxectoria musical similar comezando como alumnos do Conservatorio Superior de Música da Coruña no que actualmente son mestres.

Galicia e o piano a catro mans é o título do programa deseñado por Jorge Briones e Javier Ares e integramente a compositores galegos: o século XIX estará representado polos coruñeses Francisco Pillado, Marcial del Adalid e o seu primo Marcial de Torres Adalid e o século XX e a música dos nosos días a través do betanceiro Carlos López García-Picos e de Paulino Pereiro (en concreto a suite Cyrano de Bergerac deste coruñés afincado en Ferrol).

A entrada, coma sempre no festival, é libre ata completar o aforo do local en todos os concertos.

Concerto 9 - Galicia e o piano a catro mans
DÚO SCARAMOUCHE piano a catro mans
(JORGE BRIONES E JAVIER ARES)
obras de Adalid, Pillado, García-Picos e Pereiro
martes 24 de maio de 2011
Círculo das Artes ás 20.30 horas