Cargando....
Concello de Lugo
24/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Éxito de visitantes e vendas na 39 edición da Feira do Libro de Lugo


# Martes, 24/05/2011
A Concelleira de Cultura en funcións valorou moi positivamente a 39 edición da Feira, que acadou un gran éxito de participación e de facturación, superando nun doce e medio por cento a acadada no pasado ano

As diversas actividades culturais programadas polo Concello e o bo tempo, animaron aos cidadáns a visitar e mercar nos stands das librerías. Calculase que foron entre 8.000 e 10.000 persoas as que se achegaron ata a Praza Maior

A Concelleira de Cultura en funcións, Nuria Mundiña, valorou moi positivamente os datos acadados na 39 edición da Feira do Libro que se celebrou en Lugo dende o martes 17 de maio ata o pasado domingo día 22 de maio na Praza Maior de Lugo.

Segundo os datos aportados pola organización da Feira, a facturación dos stands nesta edición foi moi superior ás acadadas nas edicións anteriores. Antonio Fernández Maira, coordinador da Feira, salientou que “esta é unha das mellores Feiras dos 6 ou 7 últimos anos, incluso superando a edicións anteriores á crise”. Segundo sinalaron dende a organización, a facturación dos stands superou nun doce e medio por cento a acadada no pasado ano. Calcúlase que entre 8.000 e 10.000 persoas visitaron a Feira do Libro de Lugo na súa 39 edición.

O propio día da inauguración, o martes 17 de maio, e coincidindo coa celebración do Día das Letras Galegas, acadouse un éxito relevante, impulsado polo bo tempo e acompañado polas diversas actividades culturais e de lecer organizadas polo Concello de Lugo como foron concertos de música, actuacións de danza tradicional, obradoiros, presentacións ou firmas de libros.

Tamén acadou un gran éxito de participación o recital poético a Lois Pereiro, no que participaron Xavier Rodríguez Barrio, Isidro Novo, Xerardo Quintiá, Xosé Miranda e Manuel Xosé Neira. Incluso os propios poetas destacaron a súa grata sorpresa ao atoparse tanta xente nun recital de poesía. Significativa foi tamén a asistencia ao pregón de Margarita Ledo, e a gran afluencia de xente no acto de presentación do nº14 da revista lucense de creación poética Xistral, editada polo Concello de Lugo, e presentada no entorno da Feira do Libro.

A Concelleira de Cultura en funcións salientou como “moi efectivas” as accións de regalar con cada libro un vale canxeable por outro, así como a atracción de visitantes a través de diversas actividades culturais como presentacións de libros, firmas, contacontos, talleres creativos ou concertos.


Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova