Imprimir

O CONCELLO DE LUGO PROPONSE AFORRAR UN 30 POR CENTO CUN NOVO CONTRATO PARA AS COMUNICACIÓNS


26/5/2011 O novo contrato será global e incluirá tanto a telefonía fixa como a móbil así como o mantemento

A Concelleira de Servizos Xerais en funcións, Luisa Zarzuela, anunciou hoxe unha nova convocatoria para as comunicacións do Concello de Lugo.

Este será, segundo anunciou Zarzuela, un contrato global, “xa que practicamente a totalidade dos operadores ofrecen servizos de telefonía fixa e móbil, polo que se fará un único concurso para telefonía móbil e fixa”. Desta forma, destacou, “os operadores poderán ofertar unhas mellores tarifas, o cal esperamos que sirva para reducir o gasto”. Segundo destacou a Concelleira en funcións, este novo contrato suporá un aforro aproximado dun 30 por cento con respecto ao actual gasto, que valorou en 286.192 euros nos derradeiros doce meses.

O actual contrato de telefonía fixa asinouse no ano 2007 con R Cable e Telecomunicacións de Galicia. Tamén en 2007 asinouse o contrato de telefonía móbil, neste caso coa empresa Telefónica Móviles. Dende a sinatura destes contratos, o Concello de Lugo incrementou tanto o número de liñas como de servizos, debido a apertura dunha ducia de novos centros municipais, como os Centro de Convivencia Maruja Mallo ou María Balteira, a Casa das Linguas de Estrada da Granxa, as Escolas Infantís de Fontiñas e Piringalla, o Centro de Interpretación da Muralla ou a Casa dos Mosaicos. Tamén incrementáronse as liñas de telefonía móbil coa incorporación das PDAs da Policía Local ou o Sistema SAE dos autobuses.

A Concelleira de Servizos Xerais en funcións, destacou que “se levaron a cabo ampliacións na rede de fibra óptica do Concello, como nos Centros de Convivencia de Fingoi, Sagrado Corazón, Lamas de Prado, María Balteira, Maruja Mallo ou na Escola Infantil Serra de Outes, entre outros, o que supón unha rede de máis de vinte centros municipais conectados con fibra óptica, sen igual no ámbito municipal de Galicia, que fixo que nos últimos meses se observe unha tendencia á baixa nos gastos de telefonía tanto móbil como fixa”.

Wifi e administración electrónica

A Concelleira de Servizos Xerais en funcións, Luisa Zarzuela adiantou que “vanse seguir ampliando o número de centros municipais aos que dar servizo como poden ser a Casa da Xuventude, a Escola Infantil de Sanfiz, ou o novo edificio de Policía Local en Sanfiz”. Ademais, sinalou, de seguir engadindo servizos como a ampliación da rede Wifi Municipal, en dous ou tres puntos en espazos abertos da cidade, ou a dotación de tablet PCs aos membros da corporación municipal co fin de eliminar o uso do papel e impulsar a administración electrónica.