Cargando....
Concello de Lugo
06/12/21
NOVAS
Escoita esta páxina

Últimos concertos do Festival de Música Cidade de Lugo 2011: debut en España da agrupación italiana Insieme Strumentale di Roma e clausura co gran barítono ruso Sergei Leiferkus


# Venres, 27/05/2011


Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
Última semana de concertos da trixésimo novena edición do decano dos festivais galegos de música clásica, este Festival de Música Cidade de Lugo (tradicionalmente coñecido como Semana do Corpus) que reservaba para o tramo final dúas das súas grandes citas. Así, o Círculo das Artes acollerá os días 1 e 2 de xuño, respectivamente, o debut en España do Insieme Strumentale di Roma e o concerto de clausura con gran barítono ruso Sergei Leiferkus.

Nas cinco últimas edicións, o piano converteuse nunha das apostas máis sólidas do festival, que este ano organizou catro concertos que, sen dúbida, veñen ofrecendo unha ampla visión das posibilidades dos instrumentos de teclado. E o último destes catro concertos (Círculo das Artes, luns 30 de maio) está dedicado ao piano, nun recital no que Julio Mourenza interpretará a dous grandes mestres deste instrumento como son Schubert e Debussy.

Pero tampouco esquecemos a música contemporánea e a creación actual, que foi protagonista de dous dos concertos do festival. A segunda cita coa música dos nosos días (Conservatorio Profesional de Música, martes 31 de maio) é o singular programa ideado polo percusionista galego Diego Ventoso, Contrapunto eléctrico, para o que conta coa colaboración do Grupo de Danza Contemporánea do Conservatorio Profesional de Danza de Lugo.

A música barroca e antiga centrou boa parte do interese deste Festival de Música Cidade de Lugo 2011 e neste eido cómpre salientar a actuación do Insieme Strumentale di Roma que dirixe o violinista Giorgio Sasso no Círculo das Artes o mércores 1 de xuño. Máis que interesante é o programa dedicado a unha das coleccións de concertos máis importantes de todos os tempos, L’Estro Armonico de Vivaldi, seleccionado por esta agrupación italiana que debuta en España con este concerto.

Coma en anos anteriores, a ampla oferta lírica estivo garantida pola calidade e prestixio dos cantantes que adornan o cartel do festival, cheo de grandes nomes como os de Roberta Invernizzi, Nùria Rial, Marta Infante ou Njabulo Madlala que deron boa mostra das súas grandes cualidades e obtiveron un gran éxito nos seus concertos. De acontecemento pode calificarse o concerto de presentación en Galicia dun dos nomes máis senlleiros da lírica mundial nas últimas décadas: acompañado ao piano polo seu compatriota Semion Skigin, o barítono ruso Sergei Leiferkus cantará para clausurar o festival no Círculo das Artes o xoves 2 de xuño un programa integramente ruso, sen dúbida a súa gran especialidade, con cancións de Tchaikovski, Rachmaninov e Mussorgski.

A entrada, coma sempre no festival, é libre ata completar o aforo do local en todos os concertos.

Concerto 12
Grandes mestres do piano: Schubert e Debussy
JULIO MOURENZA (piano)
Luns 30 de maio de 2011 no Círculo das Artes ás 20.30 horas

Concerto 13
Contrapunto eléctrico: concerto de percusión, electrónica e danza
DIEGO VENTOSO (percusión)
GRUPO DE DANZA CONTEMPORÁNEA DO CONSERVATORIO PROFESIONAL DE MÚSICA DE LUGO
Obras de Jodlowsky, Almada, Berger, Álvarez e Reich
Martes 31 de maio de 2011 no Conservatorio Profesional de Música ás 20.30 horas

Concerto 14
Vivaldi, 300 anos de L’Estro Armonico
INSIEME STRUMENTALE DI ROMA
GIORGIO SASSO (director)
Mércores 1 de xuño de 2011 no Círculo das Artes ás 20.30 horas

Concerto 15 (Concerto de clausura)
A conexión rusa
SERGEI LEIFERKUS (barítono)
SEMION SKIGIN (piano)
Cancións de Tchaikovski, Rachmaninov e Mussorgski
Xoves 2 de xuño de 2011 no Círculo das Artes ás 20.30 horas




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova