Cargando....
Concello de Lugo
16/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

A Biblioteca fixo preto de 50.000 prestamos a domicilio no ano 2010


# Luns, 30/05/2011
No que vai de ano os lucenses solicitaron na Biblioteca Municipal 11.133 libros, 6.985 documentos audiovisuais e 511 documentos sonoros

En 2010 organizáronse 22 actividades no programa de Animación á lectura da Biblioteca Municipal nas que participaron 715 nenos e nenas

Os libros da sección de adultos máis solicitados durante este ano son “El sueño del celta” en castelán e “ Ollos de auga” en galego

Na sección infantil as obras máis demandas son “Cuarto viaje al reino de la fantasía” en castelán e “Pel de lobo” en galego

A Biblioteca Municipal, dependente da Concellería de Cultura, fixo, durante o pasado ano 2010, un total de 49.994 prestamos. A maior parte deles foron libros, concretamente 23.115, seguido de documentos audiovisuais (películas e vídeos documentais) con 15.570 e finalmente, 11.309 documentos sonoros.

Entre xaneiro e abril deste ano, a Biblioteca Municipal rexistrou un total de 18.629 préstamos; 11.133 libros; 6.985 documentos audiovisuais e 511 documentos sonoros.

A Biblioteca Municipal conta na actualidade cun fondo bibliográfico de 33.564; dos que 27.905 son libros; 4.417 son DVD e 1.242 son discos. No presente ano o fondo aumentou con 247 ingresos. Na actualidade o número de usuarios inscritos no servizo de préstamo a domicilio é de 9.393.

A Concelleira de Cultura en funcións, Nuria Mundiña, valorou positivamente estes datos, que “se manteñen con respecto aos anos anteriores, rexistrando incluso un pequeno aumento”. Mundiña destacou que estes bos datos son en parte debido á aposta por manter a biblioteca actualizada, ofrecendo libros e documentos de actualidade aos usuarios, así como as diversas actividades organizadas para os máis cativos dentro do programa de Animación á Lectura.


Actividades organizadas

Polo que respecta as actividades, no pasado ano 2010 organizáronse 22 actividades para nenos e nenas, dentro do programa de Animación á lectura da Biblioteca Municipal. Nestas actividades participaron un total de 715 nenos e nenas. Nos 5 talleres organizados, nos que se abordaron dende a ilustración, o cómic, a creación literaria ou a elaboración de marcapáxinas, rexistráronse un total de 90 asistentes, mentres que nas 17 actividades de contacontos, participaron 620 persoas.

No que vai de 2011, ata o momento desenvolvéronse 8 actividades, cunha participación de 171 nenos e nenas. As actividades programadas foron 4 talleres de ilustración, cómic ou creación literaria, con 49 asistentes, e 3 sesións de contacontos e unha de maxia, que contaron coa participación de 122 rapaces e rapazas.

Libros máis demandados

Os libros en castelán da sección adultos máis solicitados no que vai de ano foron “El sueño del celta” de Mario Vargas Llosa, “La caida de los gigantes” de Ken Follet e “Riña de gatos” de Eduardo Mendoza. En galego os libros adultos máis demandados foron “Ollos de auga” de Domingo Villar; “Ilustrísima” de Carlos Casares, e “Os dous de sempre” de Castelao.

Polo que respecta á sección infantil, os libros en castelán máis solicitados polos usuarios foron “Cuarto viaje al reino de la fantasía” de Gerónimo Stilton, “Diario de Greg: esto es el colmo!” de Jeff Kinney, e “Buenas noches galácticas” de Pepe Carreiro. Polo que respecta aos libros máis demandandos na sección infantil en galego, destacar “Pel de lobo” de Xosé Miranda, “Leonel” de Antón Cortizas e “Os Bolechas van ao circo” de Pepe Carreiro.

Coñezca a Biblioteca Municipal



Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova