Imprimir

OS XV CURSOS DE VERÁN DE EDUCACIÓN VIAL ORGANIZADOS POLO CONCELLO DE LUGO DESENVOLVERANSE DO 27 DE XUÑO AO 27 DE XULLO


30/5/2011 As inscricións poderán facerse do 6 ao 17 de xuño na oficina de Atención ao Cidadán, no Parque Infantil de Tráfico ou na Xefatura Provincial de Tráfico

A Concelleira de Educación en funcións, Dolores Vieiro, e o Director do PIT, José Reigosa, deron a coñecer esta mañá a programación dos XV Cursos de verán de Educación Vial.

Segundo destacou a Concelleira de Educación en funcións, as inscricións poderán facerse do 6 ao 17 de xuño na oficina de Atención ao Cidadán (Seminario Menor), no Parque Infantil de Tráfico (Antiga Frigsa), ou na Xefatura Provincial de Tráfico de Lugo (Avd. Ramón Ferreiro). Para formalizar a inscrición será necesario achegar unha fotocopia do DNI ou do Libro de Familia xunto coa solicitude cuberta e a autorización familiar.

O Director do PIT, José Reigosa, explicou que estes cursos están dirixidos a nenos e nenas de oito a catorce anos, en karts e bicicleta, e de 15 e 16 anos, en ciclomotor. O obxectivo salientou Reigosa é formar aos rapaces e rapazas lucenses para que coñezan as normas de circulación e fomentar así a seguridade cidadá. Os cursos de verán, destacou o Director do PIT, rexistran unha asistencia media de 200 rapaces e rapazas.

A lista de admitidos e os horarios destes cursos gratuítos serán publicados o día 23 de xuño no Taboleiro de anuncios do Concello (Seminario Menor), no Parque Infantil de Tráfico (Antiga Frigsa) e na páxina web do Concello de Lugo www.lugo.es

As clases teóricas e prácticas, que darán comezo o 27 de xuño, desenvolveranse nas instalacións do PIT (Antiga Frigsa) en grupos non superiores a 15 alumnos que serán agrupados por idades. Os horarios serán de mañá, de 10.30 a 13.00 horas, e de tarde, de 17.00 a 19.30 horas. A clausura dos cursos está prevista para o 27 de xullo ás 12.30 horas no PIT coa entrega de diplomas e agasallos aos participantes.

Descargar solicitude Curso Educación Viaria

Parque Infantil de Tráfico (PIT)