Cargando....
Concello de Lugo
19/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Concerto de debut en España do conxunto italiano Insieme Strumentale di Roma: conmemoración do terceiro centenario da colección de concertos L'estro armonico de Vivaldi


# Martes, 31/05/2011


Imaxe Asociada
Para a súa última semana de concertos, a trixésimo novena edición do decano dos festivais galegos de música clásica, este Festival de Música Cidade de Lugo (tradicionalmente coñecido como Semana do Corpus) reservaba dúas das súas grandes citas. Así, o Círculo das Artes acollerá os días 1 e 2 de xuño, respectivamente, o debut en España do Insieme Strumentale di Roma e o concerto de clausura con gran barítono ruso Sergei Leiferkus.

A música barroca e antiga centrou boa parte do interese deste Festival de Música Cidade de Lugo 2011 e neste eido cómpre salientar a actuación do Insieme Strumentale di Roma que dirixe o violinista Giorgio Sasso no Círculo das Artes o mércores 1 de xuño.

Este concerto será o debut español do Insieme Strumentale di Roma, un conxunto barroco de instrumentos orixinais creado e dirixido por Giorgio Sasso. Especializado na interpretación historicista da música dos séculos XVII e XVIII, o grupo ten colaborado con directores da talle de Bob van Asperen, Rinaldo Alessandrini, Ottavio Dantone, Paolo Pandolfo ou Alessandro de Marchi e presentouse en boa parte dos festivais e tempadas de concerto máis importantes de Europa. A súa ampla e galardoada discografía para o selo Stradivarius é tamén unha boa mostra da calidade do traballo do Insieme Strumentale di Roma.

Máis que interesante resulta o programa deste concerto, que está dedicado a unha das coleccións de concertos máis importantes de todos os tempos, a antoloxía de doce concertos para violín, dous violíns e catro violíns coñecida como L’Estro Armonico e publicada en 1711 polo compositor veneciano Antonio Vivaldi.

A entrada, coma sempre no festival, é libre ata completar o aforo do local en todos os concertos.

Concerto 14
Vivaldi, 300 anos de L’Estro Armonico
INSIEME STRUMENTALE DI ROMA
GIORGIO SASSO (director)
Mércores 1 de xuño de 2011 no Círculo das Artes ás 20.30 horas




Compartir:
Facebook '>Del.icio.us My Yahoo '>Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova