Cargando....
Concello de Lugo
29/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O gran barítono ruso Sergei Leiferkus debuta en Galicia no concerto de clausura do Festival de Música Cidade de Lugo 2011


# Mércores, 01/06/2011


Coma en anos anteriores, a ampla oferta lírica estivo garantida pola calidade e prestixio dos cantantes que adornan o cartel do festival, cheo de grandes nomes como os de Roberta Invernizzi, Nùria Rial, Marta Infante ou Njabulo Madlala que deron boa mostra das súas grandes cualidades e obtiveron un gran éxito nos seus concertos.

E de acontecemento pode calificarse o concerto de debut en Galicia dun dos nomes máis senlleiros da lírica mundial nas últimas décadas. o barítono ruso Sergei Leiferkus que será o encargado de clausurar esta exitosa trixésimo novena edición do décano dos festivais galegos de música clásica, o Festival de Música Cidade de Lugo no Círculo das Artes o xoves 2 de xuño (20,30).

Sergei Leiferkus interpretará un programa integramente ruso, sen dúbida a súa gran especialidade, cheo de fermosas cancións de Tchaikovski e Rachmaninov e que remata coas espectaculares e dramáticas Cancións e danzas da morte de Mussorgski.

Nado en San Petersburgo, Sergei Leiferkus é un dos grandes cabaleiros do canto das últimas tres décadas e actuou nas óperas e festivais máis importantes do mundo (Covent Garden de Londres, Staatsoper de Viena, Bastilla de París, Scala de Milán, Berlín, San Francisco, Metropolitan de Nova York, Colón de Bos Aires, Edimburgo, Glyndebourne, Salzburgo, etc.) e colaborou cos máis prestixiosos directores (Abbado, Gergiev, Maazel, Levine, Haitink, Ashkenazy, Mehta, Muti, Ozawa, Nagano, Masur, Solti, etc.). Considerado un dos máis reputados especialistas no repertorio ruso dos séculos XIX e XX, o seu repertorio inclúe máis de cincuenta papeis principais operísticos e ten gravado máis de cincuenta compactos e dvd.

Sergei Leiferkus estará secundado ao piano polo seu compatriota Semion Skigin, experimentado pianista de San Petersburgo que é acompañante habitual de cantantes da talla de Olaf Bär, Cheryl Studer, Robert Holl e Olga Borodina. Ademais, Semion Skigin é profesor na Hochschule für Musik Hanns Eisler de Berlín; imparte clases maxistrais nos principais centros de Alemaña, Paises Baixos e Estados Unidos; director artístico do festival celebrado no Theaterkahn de Dresde e do Berlín Salón.

A entrada, coma sempre no festival, é libre ata completar o aforo do local en todos os concertos.

Concerto 15 (Concerto de clausura)
A conexión rusa
SERGEI LEIFERKUS (barítono)
SEMION SKIGIN (piano)
Cancións de Tchaikovski, Rachmaninov e Mussorgski
Xoves 2 de xuño de 2011 no Círculo das Artes ás 20.30 horas
Entrada libre




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova