Imprimir

O SÁBADO DISPUTARASE O XXI TORNEO DE NATACIÓN CIDADE DE LUGO


1/6/2011 A competición, que reunirá a preto de 400 nenos e nenas, disputarase o vindeiro sábado, día 04 de xuño, nas instalacións do Club Fluvial de Lugo

O Concelleiro de Deportes en funcións, José Manuel Díaz Grandío, o Vicepresidente do Club Fluvial de Lugo, José Vázquez Tato, o Xefe do Servizo Provincial de Deportes da Xunta de Galicia en Lugo, José Manuel Rozas, e o Director Técnico da sección de Natación do Club Fluvial de Lugo, Jaime López, presentaron esta mañá o XXI Trofeo de Natación Cidade de Lugo, que se desenvolverá o vindeiro sábado, día 04 de xuño.

Díaz Grandío destacou a alta participación que acada ano tras ano este Torneo, e destacou que “esto aporta á cidade novas persoas que descobren Lugo por primeira vez”, aínda que tamén, sinalou, “hai quen xa estivo en edicións anteriores, e veñen dispostos a aproveitar a cidade, a súa gastronomía e patrimonio cultural”.

Segundo anunciou o responsable da sección de Natación do Club Fluvial de Lugo, Jaime López, haberá tres categorías: benxamín, alevín e infantil, nas modalidades masculina e feminina. Nas categorías de benxamín e alevín, as probas serán de 50 metros nos estilos mariposa, espalda, braza e libres. Polo que respecta á categoría infantil, serán de 100 metros tamén nos estilos mariposa, espalda, braza e libres.

A competición finalizará cunha proba de relevos 6x50 metros libres, na que cada equipo participará cun nadador de cada unha das categorías.

Agárdase a participación de preto de 400 nenos e nenas, todos eles menores de 14 anos, e un total de 13 equipos inscritos. O torneo desenvolverase en sesións de mañá e tarde. As probas darán comezo ás 11.00 horas pola mañá e ás 16.30 horas pola tarde.


www.clubfluviallugo.com