Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

A conservación e mantemento do Cuartel de San Fernando é responsabilidade da Xunta de Galicia desde setembro de 2008


# Mércores, 01/06/2011


Imaxe Asociada
A Concelleira de Economía en funcións insta á Consellería de Cultura a facerlle fronte ás súas responsabilidades e a poñer fin ó abandono do Cuartel e doutros monumentos do Patrimonio cultural de Lugo como a Muralla, o Museo de San Roque e a Fonte da Pinguela

O Concello ditou unha orde de execución das obras de conservación do Cuartel, que é Ben de Interese Cultural, que lle comunicou a Cultura o 9 de maio



A Xunta de Galicia ten a responsabilidade do Cuartel de San Fernando, incluído o seu mantemento, conservación e custodia, desde o 24 de setembro de 2008. Así o salientou a Concelleira de Economía e Emprego en funcións, Sonia Méndez, en resposta as falsas informacións difundidas nas últimas semanas pola Consellería de Cultura.

“Todos os traballos de mantemento correspóndenlle á Consellería desde 2008, fai tres anos, xa que nesa data tomou posesión do Cuartel e ten as chaves do edificio para facer as escavacións previas ó concurso de proxectos para o Centro da Romanización que licitou no ano 2010”, explicou a Concelleira de Economía en funcións. Méndez engadiu que “oficialmente o edificio cedéronllo os lucenses gratuitamente o 14 de xullo de 2010 o que lle foi notificado á Xunta en agosto do mesmo ano”.

Sonia Méndez explicou tamén que o mes pasado o Concello detectou o mal estado da fachada e ditou unha orde de execución para que a Xunta faga as obras de conservación que lle foi comunicada á Consellería de Cultura o día 9 de maio. Uns días despois, o 16 de maio, apareceron gretas no revoque da fachada do edificio e houbo que valar a zona. Naquel momento “a propia Xunta manifestou publicamente que enviaría ós técnicos de Cultura a facer unha inspección e tomar unha decisión”, lembrou a Concelleira en funcións.

“E agora, estranamente, deciden botar balóns fóra e escorrir o vulto, unha vez máis, e atribuírlle ó Concello esta responsabilidade, ó final non sabermos se mandaron ós técnicos e van facer algunha reparación, porque agora din que o Cuartel non é seu”, indicou Méndez.

Para a Concellería de Economía en funcións, “o que está a pasar é que a Xunta non quere facerse cargo do Cuartel de San Fernando, a Consellería de Cultura non ten intención de facer o Centro da Romanización e por iso non adopta as medidas de seguridade en aras ó mantemento deste edificio emblema cultural da cidade de Lugo”.

“Estas son as datas e a realidade”, afirmou Méndez quen revelou que “estranamente o mércores pasado a Xunta requeríulle ó Concello unha documentación que non aporta nada a efectos da cesión, porque esa cesión xa é efectiva desde o 4 de agosto de 2010, en todo caso, esa documentación foille mandada este luns”.

“Por parte do Concello fixéronse os deberes dilixentemente”, asegurou Méndez quen lembrou que os lucenses cedemos gratuitamente o Cuartel de San Fernando á Consellería de Cultura para que faga un Museo da Romanización “que anunciaron a bombo e platillo, como fan sempre, e agora teñen abandonado o edificio que é Ben de Interese Cultural”.

“O Concello foi dilixente e a Consellería de Cultura abandona o patrimonio cultural dos lucenses, como fai coa Muralla, na que seguen medrando as herbas e mantén en mal estado o adarve”, remarcou Sonia Méndez.

Tamén lembrou que o mesmo está a pasar co Museo de San Roque, que segue pechado e o Concello non pode arraxalo aínda que queira porque ten que actuar dentro da legalidade, e coa Fonte da Pinguela, na que nos ofrecemos a colaborar e a Xunta rexeitou a nosa colaboración.


Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova