Cargando....
Concello de Lugo
20/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello pon en servizo a cuarta escola infantil municipal


# Martes, 07/06/2011
López Orozco, Besteiro e Dolores Vieiro visitaron esta mañá a gardería da Piringalla e pola tarde haberá unha reunión cos pais dos nenos que estrearán o novo equipamento escolar

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada

Coa gardería da Piringalla e a de San Fiz, que comezou funcionar hai unhas semanas, o Concello duplica a oferta de prazas para nenos menores de tres anos

O Alcalde en funcións volveulle pedir ó Presidente da Xunta que contribúa ó mantemento das escolas infantís


O Concello pon en servizo hoxe a cuarta escola infantil municipal de Lugo, que foi construída con fondos propios no barrio da Piringalla.

Pola mañá efectuaron unha visita á nova gardería o Alcalde en funcións, José López Orozco; o Presidente da Deputación en funcións, José Ramón Gómez Besteiro, e Dolores Vieiro, Concelleira de Educación en funcións, e pola tarde terá lugar unha xuntanza cos pais dos nenos e nenas de 0 a 3 anos que estrearán as novas instalacións.

López Orozco lembrou que desque accedeu á Alcaldía de Lugo o Concello construíu tres garderías con fondos propios e do Goberno de España. A escola infantil da Piringalla igual que a Biblioteca que se constrúe ó seu carón “fíxose co esforzo económico dos lucenses; para construír esta gardería, o Concello puxo o solar, o proxecto e 600.000 euros de investimento froito do esforzo dos veciños, dixo o Alcalde en funcións.

Unha vez máis, López Orozco reiterou a necesidade de que a Xunta de Galicia preste apoio económico para o mantemento das garderías públicas de Lugo e sinalou que “se eu fora Presidente da Xunta xa me gustaría que, tendo toda a competencia nas escolas infantís, un Alcalde fixese tres sen pedirme nada a cambio”.

“Señor Presidente da Xunta, ten que colaborar cos cidadáns de Lugo”, instou López Orozco a Núñez Feijóo. Tamén recordou que a Xunta anunciou hai meses a creación de 1.800 prazas en escolas infantís “unhas prazas que aínda non vimos e aquí ten 120 prazas que o Concello de Lugo pon a disposición dos pais e nais para a conciliación da vida familiar e laboral pero, sobre todo, para a formación dos nenos”.

En todo caso, López Orozco asegurou que “reclamamos a cooperación da Xunta pero tamén dicirmos que, se non hai esa colaboración, esta gardería non se vai pechar porque a educación é un dos obxectivos dos Gobernos que presido e non nos mete medo”.

O Alcalde en funcións lembrou que no barrio da Piringalla tamén se está a construír unha nova Biblioteca municipal, que conta cun investimento de 1.200.000 euros e agardase que estea rematada no mes de setembro. Neste mandato os equipamentos da Piringalla tamén incluíron a construción do Centro de Convivencia e Casa das Linguas María Balteira.

Neste sentido, López Orozco manifestou que “tiña moito interese en que me acompañaran nesta visita Loli Vieiro, porque foi a nai da criatura, e José Ramón Gómez Besteiro porque equipamentos como estes son posibles grazas a que cando foi Concelleiro de Urbanismo desenvolvéronse ás Unidades de Actuación deste barrio que nos permitiron facer equipamentos para ter unha cidade equilibrada nos servizos”.

Coa posta en servizo das escolas infantís da Piringalla e de San Fiz, que entrou en funcionamento hai unhas semanas, o Concello duplicou a oferta de prazas para nenos de 0 a 3 anos. As dúas novas garderías teñen 118 prazas e o total de prazas nas catro escolas infantís do Concello é de 230. De feito, a Concelleira de Educación en funcións subliñou que queda cuberta a totalidade de solicitudes nas garderías do Concello.

Pola súa parte, o Presidente da Deputación en funcións recordou que “desde hai oito ou dez anos loitabamos por obras como esta gardería” e considerou que “estas magníficas instalacións son a guinda dos equipamentos creados no barrio da Piringalla”.

Gómez Besteiro tamén expresou o seu desexo de que “outras administracións estean tamén en proxectos como este porque iso é facer país”.

Coñezca as Escolas Infantís Municipais

 


Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova