Cargando....
Concello de Lugo
29/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo volve reclamar apoio da Xunta ás garderías municipais nunha carta que lle enviou López Orozco a Núñez Feijó


# Mércores, 08/06/2011
A petición xa lla fixera ó Presidente da Xunta e á Conselleira de Traballo e Benestar Social en numerosas ocasións e aínda non tivo resposta

Imaxe Asociada
López Orozco dí que a carta é un “berro de rebeldía dun indignado” e na misiva cita a famosa frase de Cicerón para preguntarlle a Feijóo Ata cando seguirá abusando da nosa paciencia?

As catro garderías do Concello dan servizo a 230 nenos de Lugo


O Alcalde de Lugo en funcións, José López Orozco, revelou hoxe que lle remitiu unha carta ó Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, na que lle volve pedir apoio económico do Goberno galego para o mantemento das Escolas infantís municipais.

Logo da xuntanza que mantivo con pais dos nenos que serán atendidos na Escola infantil da Piringalla, que vai ser a cuarta que pon en servizo o Concello de Lugo, o Alcalde en funcións reiterou a petición nunha carta que lle remitiu onte ó Presidente da Xunta.

Nela insiste na reclamación que xa lle ten feito López Orozco por escrito, verbalmente e a través dos medios de comunicación, tanto ó Presidente da Xunta como á Conselleira de Traballo e Benestar Social e que nunca recibiu resposta do Goberno galego

“É un berro de rebeldía dun indignado” explicou o Alcalde de Lugo en funcións xa que a educación infantil “é o santo e seña do meu Goberno e por iso me atopo tan defraudado por aquel que ten todas as competencias, non as exerce e nin tan sequera colabora con aqueles que botamos unha man”.

A carta de López Orozco a Núñez Feijóo comeza indicando que “teño que dicirlle que nunca fun tan duro, sempre con respecto, cun Presidente da Xunta como o fun hoxe con vostede na visita a esta nova Escola”, e continúa sinalando “señor Presidente, non é de recibo que despois das cartas que lle teño enviado, e das xuntanzas que mantiven coa Sra. Conselleira de Traballo e Benestar, o Concello de Lugo non tivera resposta ás peticións de colaboración da Xunta de Galicia, para o mantemento das Escolas Infantís do concello de Lugo”.

López Orozco lémbralle a Feijóo que “neste momento contamos con catro garderías, unha en funcionamento dende hai anos, e nos 12 anos que levo como Alcalde de Lugo, fixemos outras tres: a primeira coa colaboración da Xunta, no barrio de Fontiñas, outra cos fondos do Plan E, no barrio de Sanfiz, e a que abrimos hoxe, repito, feita co esforzo de todas e todos os lucenses e co deste Goberno local que presido. En total atendemos 231 nenos e nenas de entre 0 a 3 anos”.
A misiva continúa cunha famosa cita en latín de Cicerón nas Catilinarias: “Quousque tandem, Sr. Feijóo, abutere patientia nostra?” (ata cando, señor Feijóo, seguirá abusando da nosa paciencia?)
Deseguido indica López Orozco que “aínda, despois de todos os desprezos que lle fai a esta cidade coa súa indiferenza, penso que é a miña obriga solicitarlle, unha vez máis, a colaboración do Goberno que preside, e que está obrigado a tratar por igual a todas e todos os galegos” e remata coa petición de que “non faga que, co seu silencio novamente, perda todas as esperanzas”.



Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova