Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Rosa Cedrón e Cristina Pato presentan en Lugo o primeiro traballo de Soas, un novo proxecto artístico


# Martes, 14/06/2011
As dúas intérpretes galegas actúan este mércores 15 na Praza de Santa María

O cuarto tenente alcalde das áreas de Cultura, Deportes, Turismo e Educación, José Manuel Díaz Grandío asistiu esta mañá, xunto coa intérprete Rosa Cedrón, o vicerreitor Pedro Garcia Herradón, e o responsable da obra social de Novacaixagalicia en Lugo, Sinesio Pérez, a rolda de prensa de presentación do concerto que Soas ofrecerá mañá na Praza de Santa María de Lugo. Todos eles puxeron en valor a calidade do ciclo de música clásica ‘Músicas a carón da Mosqueira’, do que xa se desenvolveron cinco concertos e que rematará en decembro deste ano.

As intérpretes galegas Cristina Pato e Rosa Cedrón, agora Soas, actuarán en Lugo este mércores día 15 para presentar o primeiro traballo discográfico deste novo proxecto e que leva por título ‘Muller’. Enmarcado no ciclo Músicas a carón da Mosqueira de Lugo Cultural, o concerto será o mércores ás 20.30 horas na Praza de Santa María, ou no Auditorio Gustavo Freire no caso de choiva.

Nun encontro cos medios de comunicación Rosa Cedrón explicou que Muller é “unha emocionante viaxe pola literatura e música galegas dos séculos XIX, XX e XXI”, entre elas Rosalía de Castro, Yolanda Castaño, Curros Enríquez, Celso Emilio Ferreiro, José Castro “Chané”, Raquel Pato ou Luis Emilio Batallán. Entre as pezas que soarán figuran algunhas tan célebres como María Soliña, Unha noite na eira do trigo ou Heicho de dar.

Soas

No proxecto Soas conflúen as inquedanzas similares de dúas mulleres con formación musical clásica –Cristina ao piano e Rosa co violoncello- e que dedicaron a maior parte da súa carreira profesional á música de identidade galega. Agora pretenden achegar a música clásica a todos os públicos e demostrar que a tradición galega está dotada “dun rexistro tan amplo que permite a incorporación de elementos orquestrais dun xeito natural e homoxéneo”, afirman.

Neste primeiro álbum contan coa colaboración da Bratislava Symphony Orchestra, interpretando os arranxos do recoñecido compositor Octavio Vázquez. Os interludios e o epílogo son inéditos, compostos expresamente por Cristina e Rosa para ‘Muller’.


Rosa Cedrón

Rosa Cedrón estudou violoncello desde os 8 anos. Ingresou na Orquestra de Cámara Municipal de A Coruña e posteriormente na Banda Municipal. Cun expediente brillante accedeu a unha praza como profesora no Conservatorio de Ferrol. Durante nove anos desenvolveu unha ampla labor no grupo Luar na Lubre. Gravou varios discos e recolleu premios de recoñecemento á súa música.

O seu esforzo non pasou inadvertido para Mike Oldfield, que a convidou a participar na gravación do Tubular Bells III e na presentación mundial do disco celebrada en Londres en 1998. En xaneiro de 2005 comunica a súa decisión de emprender o seu camiño en solitario, editando en 2007 o seu primeiro álbum en solitario, ‘Entre dous mares’.

Cristina Pato

Cristina Pato é doctor of Musical Arts pola Mason Gross School of the Arts da Rutgers University (EEUU) onde estudou cunha bolsa da Fundación Barrié de la Maza. Doutorada con honras, esa escola americana concedeulle a Edna Mason Scholarship e o premio Irene Alm Memorial Prize á excelencia.

Cristina Pato posúe a titulación superior de Piano, de Teoría da Música, Transporte e Acompañamento e de Música de Cámara, todas elas polo Conservatorio Superior de Música do Liceu de Barcelona. Ademais realizou o Máster en Artes Dixitais da Universidade Pompeu Fabra de Barcelona especializándose en Composición (música dixital, electroacústica).

Aclamada pola crítica internacional como gaiteira e pianista, Cristina Pato leva unha activa vida profesional que a levou a grandes escenarios de España, EEUU, India, Xerusalén, Portugal, Brasil, Reino Unido, Francia, Italia, Alemaña ou México. A súa carreira profesional inclúe catro discos no mercado como gaiteira solista e dous como pianista, máis dunha trintena de colaboracións en gravacións doutros artistas e máis de cincocentos concertos.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova