Imprimir

O ARDE LUCUS CUMPRE DEZ ANOS CUN IMPORTANTE ÉXITO DE PARTICIPACIÓN, DE VISITANTES E TAMÉN ECONÓMICO


20/6/2011 A festa reuniu numeroso público nas máis de 240 actividades e desenvolveuse sen incidentes

O Alcalde agradeceu o traballo de organización da festa que fixeron a ex Concelleira de Xuventude, Rosana Rielo, e o seu equipo


O Arde Lucus 2011 cumpriu o seu décimo aniversario cun novo éxito de participación, de visitantes e tamén económico. O Alcalde, José López Orozco, e a Concelleira de Xuventude, Benestar Social e Servizos Xerais, Carmen Basadre, fixeron balance hoxe da festa de recreación romana que este ano celebrouse por primeira vez coa declaración de festa de interese público galego.

O Alcalde destacou a “participación extraordinaria e moi activa tanto dos lucenses como das persoas que nos visitaron nestes días”. Tamén se felicitou López Orozco polo “comportamento cívico de todas as persoas que participaron na festa” e manifestou que o éxito do Arde Lucus é garantía de que “vai continuar” e anunciou que xunto coa festa “daráselle cada vez máis un sentido cultural e histórico”.

Ademais, o Alcalde adicoulle un agradecemento especial á exConcelleira de Xuventude, Rosana Rielo, e ó seu equipo xa que “deixou a festa preparada e os demais o que fixemos foi figurar”.

“Deixa o Arde Lucus a unha gran altura, baixo a súa dirección a festa colleu máis forza e acadou a declaración de interese turístico galego”, sinalou López Orozco que considera un exemplo a Rosana Rielo, “polo seu esforzo e adicación, que a levou a adicar tantas horas de traballo á organización do Arde Lucus sen ter adicación exclusiva nin parcial do Concello”.

Pola súa parte, a Concelleira de Xuventude salientou que “foron tres días intensos nos que os veciños foron actores e partícipes, o que demostra que asumiron esta festa que recrea o noso pasado histórico e que contribúe a transmitilo máis aló das nosas fronteiras”.

Carmen Basadre tamén sinalou que, segundo os cálculos de Protección Civil a afluencia foi de orredor de 500.000 persoas nestes días e destacou que “nos espectáculos do Circo romano participaron unhas 5.000 persoas en cada unha das sesións e tamén estiveron ateigados de público os actos celebrados na praza de Santa María, no Campamento do Carril das Estantigas onde se celebraron vinte actividades máis este ano, e tamén a praza Maior estivo chea de xente día e noite” e, ademais, salientou o traballo dos ferreiros que traballaron no Campamento dos forxadores e fixeron unha escultura conmemorativa do décimo aniversario do Arde Lucus que quedou instalada na praza da Horta do Seminario.

Basadre destacou tamén que durante a festa non se rexistraron incidentes porque “é unha festa ben organizada, na que participaron familias enteiras, e porque sabemos divertirnos civicamente”.

Ademais, a Concelleira de Xuventude salientou o importante pulo para economía da cidade que ten o Arde Lucus. Xunto coa súa importante transcendencia turística, a festa ten tamén unha importante repercusión económica xa que, como explicou Carmen Basadre, calculando un gasto por persoa de 25 euros nos tres días de festa, “cun investimento de 250.000 euros, movéronse 12,5 millóns de euros que supoñen un importante empuxón para a cidade, especialmente nos sectores da hostalería, hoteis, comercios de telas e calzados, negocios de confección ou perruquerías e tendas de aderezos”.

A afluencia de público nas rúas desque comezou o Arde Lucus tamén se traduciu en moito traballo para que a cidade permanecera limpa. A Concelleira de Xuventude explicou que nestes tres días de festa Urbaser recolleu 345.100 kilos de lixo. Este ano houbo un notable aumento na recollida por mor da grande afluencia de público. O venres desde as 23.00 horas recolléronse 87.200 kg de lixo. O sábado outros 102.800 kilos. O domingo, 83.480 e o luns ata as 10.00 horas recolléranse 71.620 kilos de lixo.