Cargando....
Concello de Lugo
28/11/21
NOVAS
Escoita esta páxina

José López Orozco e Antón Bao asinan o acordo programático do Goberno municipal de Lugo


# Xoves, 23/06/2011
O programa do Goberno de coalición céntrase na optimización dos recursos para mellorar os servizos e recurtar o gasto

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
López Orozco salienta que o pacto é froito da xenerosidade das dúas forzas políticas de esquerdas que comparten as súas prioridades para Lugo

Antón Bao destaca que o pacto é un compromiso programático para traballar máis con menos recursos



O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e o Concelleiro do BNG, Antón Bao, que será Primeiro Tenente de Alcalde do Goberno municipal de coalición entre PSOE e BNG asinaron hoxe o acordo programático para a formación do novo Goberno do Concello de Lugo.

Trala sinatura do pacto entre as dúas formacións políticas, López Orozco manifestou que “este é o primeiro paso do traballo que faremos por Lugo” e salientou que “o acordo é froito do esforzo e a xenerosidade de dous partidos de esquerdas que compartimos prioridades para Lugo e que, por esas prioridades, salvamos as nosas diferencias “

“Somos dous partidos que representamos á maioría dos cidadáns de Lugo e que nos poñemos dacordo para traballar”, declarou López Orozco. Tamén destacou que “somos dous partidos de ideoloxías distintas que fomos quen de atopar puntos de converxencia, de xeito que os veciños non percibirán dous partidos senón un Goberno”.

Para López Orozco, este pacto “é un exemplo de traballo común, de unidade e de non enfrontamento, que é o que requiren os tempos para que Lugo siga mellorando” e destacou que “só nos move o interese xeral e por el seremos xulgados dentro de catro anos”.

Pola súa parte, Antón Bao manifestou logo de firmar o acordo que “o que acabamos de asinar as dúas forzas políticas é un compromiso con Lugo, é tempo de comprometerse e ese é o fin principal deste pacto de goberno que vai unir ó BNG e ó Partido Socialista nesta singladura de catro anos, trátase de levar o barco a bo porto e de que os veciños se sintan amparados e defendidos por este goberno municipal, ese é o único e exclusivo interese que nos move”.

Bao tamén avanzou que o Goberno de coalición tenderalle a man ó Partido Popular. “Inmediatamente entregarémoslle este programa ó Partido Popular para que se sume, porque o PP tamén ten moito que dicir e no que colaborar, e agardamos que esa colaboración se faga efectiva”, explicou,

Ademais, Antón Bao destacou que “este Goberno de coalición sáelle ós lucenses máis barato aínda do que existía antes”. Neste sentido explicou que “decidimos reducir os custes de Goberno que se diminúen arredor dun dez por cento, xa que eliminamos directores xerais, concelleiros non electos e tamén se reduce o número dos asesores”.

Liñas programáticas

O acordo destaca que o Goberno de coalición PsdeG-PSOE e BNG ten como obxectivo primordial a colaboración institucional na defensa do benestar social dos veciños e veciñas do concello e na superación da actual situación económica. Tamén establece que o Goberno de coalición desenvolverá un programa conxunto centrado na optimización dos recursos do Concello no camiño de mellorar a prestación dos servizos e o recurte do gasto. Con esta finalidade, aplicaranse medidas tendentes a prestar servizos de calidade, a fomentar o emprego e a reducir o gasto. A mellora enerxética das instalacións e infraestruturas municipais, a inspección permanente de todos os servizos que non presta directamente o Concello e a optimización do traballo desenvolto por todo o persoal ao servizo da institución serán obxectivos preferentes deste Goberno.

O acordo que contén as liñas programáticas de Goberno para os vindeiros catro anos consta de 64 medidas en materia de servizos públicos, benestar social, igualdade, promoción económica, creación de emprego e loita contra a crise económica, sostibilidade, infraestruturas, desenvolvemento territorial, mobilidade e urbanismo, vivenda e medio ambiente; normalización lingüística, cultura, participación cidadá, deporte e persoal.


Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova