Cargando....
Concello de Lugo
23/11/19
NOVAS
Escoita esta páxina

Inaugurada a nova ponte sobre o río Miño


# Venres, 24/06/2011
O Alcalde de Lugo e o Ministro de Fomento asistiron ó acto celebrado esta tarde

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
O Ministerio adiantou os prazos e abriu esta nova infraestrutura para a cidade con oito meses de antelación

A nova ponte supón unha transformación viaria e urbana de Lugo e vai permitir a recuperación da ponte romana, ó liberala do intenso tráfico que soportaba con máis de 12.000 vehículos diarios

O Goberno de España adicou 29,3 millóns de euros á construción da ponte




O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e o Ministro de Fomento, José Blanco, participaron hoxe no acto de inauguración da nova ponte sobre o río Miño, que abrirá ó tráfico mañá, sábado.

No acto tamén estiveron presentes autoridades como o Presidente da Deputación provincial, José Ramón Gómez Besteiro, e o Delegado do Goberno en Galicia, Miguel Cortizo, así como outros membros da Corporación Municipal e así como numerosos veciños e veciñas.

Na súa intervención o Alcalde salientou e agradeceu o esforzo de José Blanco, para que Lugo dispoña da nova ponte “que vén cubrir unha necesidade para hoxe e para o futuro” e dixo que “malia as ocupacións e preocupacións que ten o Ministro de Fomento, nunca se esqueceu da súa cidade, a súa provincia e de Galicia”.

O Alcalde destacou que “se acabaron as longas colas na vella ponte romana, que tamén ten futuro, xa que temos o compromiso de que se vai rehabilitar con fondos do 1% cultural” e engadiu que “así é como se avanza, conservando o pasado e facendo futuro”.

Para López Orozco, “esta obra énchenos de ánimo e de orgullo e demostra que podemos crer en nós mesmos e nas institucións porque, cando hai colaboración, acádanse os obxectivos”. Neste sentido, o Alcalde asegurou que “o AVE galego tamén chegará a Lugo, por iso está en período de licitación a Estación intermodal” e concluíu sinalando que “así é como se fai política, comprometéndose co que se promete, como fixo un día o Ministro coa construción da ponte que hoxe é unha realidade”

Pola súa parte, José Blanco indicou que a nova ponte “é o símbolo dun compromiso” e lembrou que tomou posesión como Ministro de Fomento o día 8 de abril de 2009, a ponte licitouse oito días despois, o 16 de abril de 2009, e a obra está rematada oito meses antes do prazo previsto.

Dixo tamén que esta ponte “é unha icona da modernización das comunicacións de Lugo” e que, ademais de resolver os problemas de tráfico e integrar o río na cidade, tamén é quen de unir as dúas beiras: o pasado e o futuro”, xa que, segundo anunciou Blanco, “vainos permitir rehabilitar a ponte romana para o que aprobaremos os fondos no próximo mes de xullo”.

O Ministro de Fomento avanzou tamén que se está a analizar a viabilidade técnica de resolver o acceso á cidade pola Volta da Viña, unha solución que considerou “economicamente viable e respectuosa co contorno natural que rodea a ponte” e na que “nos puxemos traballar para desenvolvela o antes posible”.

Esta obra, segundo o Ministro, “fainos ver que querer é poder” e “é unha ponte para cruzar a outra beira, a do progreso e o futuro de Lugo”. Para o titular do Ministerio de Fomento, os novos retos para mellorar as infraestruturas da nosa cidade son “o novo Auditorio, a chegada da Alta Velocidade e a Estación intermodal”.

Blanco sinalou que “Lugo xa ten tres pontes e estamos traballando nunha nova, de máis de 300 metros, da Autovía de Santiago” e tamén renovou a súa “vontade de seguir traballando para mellorar as comunicacións de Lugo cun novo protocolo que asinará o Ministerio co Concello para conectar a ponte coa Autovía de Santiago, a conexión desa Autovía coa A-VI e para a iluminación da Ronda Norte”.

29,3 millóns de investimento

A nova ponte permitirá mellora a accesibilidade ó casco urbano dende o suroeste da cidade, substituíndo nesta función á antiga ponte romana que soportaba altas intensidades de tráfico (12.000 vehículos ó día).

As obras comezaron en outubro de 2009 e póñense en servizo con oito meses de adianto respecto á data prevista no contrato vixente. Así, cumpriuse tamén o compromiso do Ministro de Fomento de inaugurar a ponte o día 24 de xuño.

O Goberno de España destinou un total de 29,3 millóns de euros á posta en marcha desta nova infraestrutura para a cidade. Do total do investimento realizado, 24,4 millóns de euros correspondenlle á execución das obras, 3,2 millóns de euros ás expropiacións e 1,7 millóns de euros ás asistencias técnicas de redacción do proxecto e do control e vixilancia das obras.

No marco desta actuación, ademais da nova ponte sobre o Miño, construíronse os viais necesarios para conectar a actual circunvalación (N-VI) coas estradas do sur da cidade. Concretamente, a estrada de Portomarín (LU-612), coa que conecta á altura do nacemento do Regato Chousa da Fonte, e a antiga estrada de Santiago, coa que conecta á altura do acceso ó Policlínico Lucense, dando acceso ó barrio da Ponte.

Con estas conexións, ábrense tamén as novas saídas da cidade cara a futura Autovía A-54 de Lugo a Santiago, que actualmente está en fase de execución.

As obras da ponte sobre o Miño foron cofinanciadas con Fondos FEDER da Unión Europea.

Características técnicas

A lonxitude total da nova ponte é de 195 metros, e nela distínguense dous treitos. O primeiro é un vano principal metálico de 95 metros de lonxitude, sobre o cauce do río Miño, cunha tipoloxía estrutural de arco parabólico con taboleiro inferior. O segundo treito, de 100 metros de lonxitude, é un viaduto de acceso á ponte arco, cun esquema estrutural tipo viga-caixón de tres vanos de 33,3 metros de luz cada un e cuxa principal función é minimizar a ocupación dos terreos na ladeira do río, dotando dunha axeitada permeabilidade á zona.

A sección transversal do taboleiro presenta dúas calzadas cun ancho total de 24,1 metros, separadas por unha mediana no treito recto da ponte na que se aloxan beirarrúas nas dúas marxes. No treito en arco, que cruza o Miño, a sección transversal ampliouse ata 26,3 metros, co obxectivo de dispor beirarrúas de maior anchura e con mobiliario urbano.

No vial de conexión coa estrada autonómica LU-612 a Portomarín, proxectouse, por motivos medioambientais, un viaduto de catro vanos de 108 metros de lonxitude para salvar o cauce do Regato Chousa da Fonte, que remata nunha glorieta na confluencia coa devandita estrada de Portomarín.

No vial de conexión coa antiga estrada de Santiago, habilitouse un paso inferior para facilitar a permeabilidade transversal ás fincas lindeiras. Este vieiro remata nunha intersección coa devandita estradas.

O enlace da nova ponte coa estrada N-VI resolveuse mediante un enlace de tipo diamante coa glorieta superior, conectado mediante catro ramais coa N-VI.

Os dous ramais da beira do río discorren sobre estruturas de 108 e 125 metros de lonxitude para mellorar a integración visual e ambiental da obra, mentres que os outros dous ramais da beira da cidade atópanse apoiados sobre un muro e a propia ladeira. Os ramais do lado do río están dotados de beirarrúas de 2,1 metros para permitir o acceso peonil á ponte dende o adxacente Parque do Miño.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova