Cargando....
Concello de Lugo
23/11/19
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello vólvelle reclamar á Xunta de Galicia que invista na conservación do patrimonio de Lugo


# Mércores, 29/06/2011
Antón Bao e Luis Álvarez consideran sorprendente a resposta que deu Cultura á oferta do Concello de facerse cargo do arranxo da fonte da Pinguela 

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
O Concello quere coñecer os cambios que anunciou Cultura no proxecto e dirixir unha obra que financia

O Concello de Lugo volveulle reclamar hoxe á Xunta de Galicia que se faga cargo das súas responsabilidades e que invista na conservación do rico patrimonio cultural que ten Lugo. Segundo informaron os Concelleiros de Cultura, Antón Bao, e de Urbanismo, Luis Álvarez, a Xunta de Goberno local analizou na xuntanza que celebrou hoxe a resposta que deu a Consellería de Cultura á proposta que lle fixo o Concello de asumir o financiamento dos traballos pendentes do proxecto de rehabilitación da fonte da Pinguela.

O Concello propuxéralle á Consellería de Cultura asumir o financiamento da rehabilitación da fonte da Pinguela con fondos do Plan Urban se a Consellería lle facilitaba o proxecto que contempla os traballos pendentes de executar. O Conselleiro de Cultura, Roberto Varela, respondeu a ese ofrecemento coa proposta de asinar un convenio no que a Xunta se reservaría a dirección e execución das obras e o Concello faríase cargo do custe e tramitación das mesmas. Ademais, o Conselleiro anunciou que o proxecto técnico de intervención feito no ano 2008 “está a ser actualizado e modificado por motivos técnicos de importancia”.

O Concelleiro de Cultura, Antón Bao, considerou “sorprendente a contestación de Cultura” e dixo que “é o mundo ó revés, parece que son os concellos quen ten que subvencionar á Xunta cando é esta a que está obrigada a afondar no financiamento local”. “Cremos que o procedemento máis axeitado é que o Concello execute e xestione a obra xa que a vai financiar”, engadiu Bao quen lembrou que “estas son obras que afectan a bens de carécter patrimonial que son competencia da Xunta” e lembrou que, ademais de rematar a recuperación da fonte, hai outras obras de conservación do patrimonio de Lugo que a Xunta ten pendentes. Bao lembrou a necesidade de que a Xunta asine un contrato plurianual para manter limpa a Muralla “no que se establezan os períodos idóneos para facer a limpeza para que non se volvan producir os retrasos deste ano”. Ademais recordou a necesidade de que o Goberno galego faga os traballos de recuperación do Pazo de dona Urraca e dos restos arqueolóxicos situados a carón da Muralla.

Pola súa parte, o Concelleiro de Urbanismo, Luis Álvarez, manifestou que o Concello quere coñecer os detalles da modificación que se vai facer no proxecto de rehabilitación e tamén considera necesario definir as competencias que corresponderían a cada unha das administracións nesta obra, xa que a Conselelría pretende facerse cargo da dirección da obra, pese a que sería o Concello quen a financiara “e o Concello de Lugo ten suficiente persoal e solvencia demostrada como para levar a dirección de obra dun traballo que financia”. Álvarez tamén manifestou que “o Goberno de Lugo amosa interese en arranxar os problemas o máis axiña posible e mesmo é quen de asumir investimentos que non lle corresponden, máis aló do rifirafe político”.

Aparcamentos no HULA

Ademais, a Xunta de Goberno aprobou hoxe a concesión dunha licenza para a ampliación de estacionamento de vehículos ao aire libre para un total de 208 prazas no barrio de Galegos. Unha obra presupostada en 15.929 euros e que conta cun prazo de execución de seis meses. Respecto deste asunto, o Terceiro tenente de Alcalde, Luis Álvarez, salientou que “todos vemos a necesidade de prazas de estacionamento no contorno do novo Hospital”. Neste sentido sinalou que “o Concello está a realizar os trámites administrativos precisos para licitar o novo aparcadoiro público con caracter urxente”.

A Louzaneta

A Xunta de Goberno tamén aprobou inicialmente o proxecto de urbanización do polígono número 3 do sector SUR-B (Louzaneta-Arieiras) para a urbanización das rúas así como a súa conexión viaria cos viais que a rodean e serven de acceso ao mesmo. O proxecto foi presentado pola empresa Luseryma cun presuposto de 1.270,041 e sun prazo de execución de doce meses.

Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova