Cargando....
Concello de Lugo
16/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Lugo acolle os actos da Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento


# Domingo, 03/07/2011
O Alcalde de Betanzos fixo a Ofrenda no nome das sete cidades do Antigo Reino de Galicia

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
O Delegado Rexio falou da necesidade de salvar as pequenas cousas que nos separan, defendeu a idea dunha galeguidade acolledora como valor de confianza no porvir de Galicia e salientou a necesidade de poñer en valor o inmenso patrimonio cultural que atesouramos

Lugo acolleu esta mañá os actos da Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento, unha cerimonia que se repite cada ano na nosa cidade desde 1700.

O Alcalde de Betanzos, José Ramón García Vázquez, foi o encargado de facer este ano a Ofrenda na representación das sete cidades do Antigo Reino de Galicia á que respondeu o Arzebispo de Santiago de Compostela, Monseñor Julián Barrio.

Os actos comezaron ás 11.15 da mañá na Casa do Concello, onde o Alcalde de Lugo, José López Orozco, acompañado por outros membros da Corporación Municipal, recibiu ó Oferente e ós representantes das sete cidades do Antigo Reino de Galicia así como ó resto das autoridades que asistiron á cerimonia.

Nos actos estiveron presentes o Alcalde de Santiago, Gerardo Conde Roa; os Tenentes de Alcalde da Coruña, Julio Antonio Flores Pérez; de Tui, Vanesa Rodríguez Pereira, e de Mondoñedo, Modesto Díaz García, así como o Concelleiro de Ourense, Antonio Rodríguez Penín. Tamén asistiron o Xeneral Xefe da Forza Loxística Operativa, Juan Enrique A. Hernández-Lastras; o Contralmirante Xefe do Arsenal de Ferrol, Francisco José Cortés Uría; o Vicepresidente do Parlamento, José Manuel Balseiro; o Presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Miguel Angel Cadenas Sobreira; o Conselleiro Maior de Contas, Luciano Fariñas Busto; o Valedor do Pobo, Benigno López González; e o Reitor da Universidade de Santiago, Juan Casares Long; así como o Presidente da Deputación de Lugo; José Ramón Gómez Besteiro, e os Vicepresidentes das Deputacións da Coruña, Antonio Lagares Pérez, de Ourense, José Manuel Freire Couto, e de Pontevedra, José Crespo Iglesias, entre outras autoridades.

Logo de asinar no Libro de Honra do Concello, no despacho da Alcaldía, o Alcalde de Betanzos, que estivo acompañado de varios membros da Corporación da Cidade dos Cabaleiros, agradeceulle “ó Alcalde, á Corporación e a todo Lugo a acollida magnífica que recibín”. Pola súa parte, o Alcalde de Lugo lembrou a importancia desta histórica Ofrenda que fan as sete capitais do Antigo Reino de Galicia. “Xa van case 350 anos desta cerimonia civil e relixiosa, xa que somos quen de aunar as dúas cousas”, subliñou López Orozco.

O acto civil, celebrado na Casa do Concello, rematou co intercambio de agasallos institucionais. O Alcalde de Lugo entregoulle ó de Betanzos unha reprodución da Muralla romana e recibiu unha reprodución do famoso Globo de Betanzos.

Deseguido, formouse a comitiva que se dirixiu ata a Catedral, entre as numerosas persoas que se congregaron na praza Maior, engalanada hoxe con alfombras florais instalaron durante a noite coa colaboración da confraría Nosa Señora do Pedregal de Meira.

Durante os actos relixiosos, o Alcalde de Betanzos leu a Ofrenda do Antigo Reino de Galicia na que dixo que “estar hoxe aquí unidos é un símbolo antigo dun país ancestral que, a pesar de selo, precisa lembrar e sementar ano tras ano a idea da galeguidade como un valor de fe e de confianza no porvir. Unha galeguidade acolledora, harmonizadora cos demais pobos de España, de Europa e do mundo, pero que se nega a diluírse no océano da globalización”.

“Dalgunha maneira, o día de hoxe estamos a facer unha peregrinación tamén cara a nós mesmos, cara ó noso corazón, que representa a cidade de Lugo, a Lucus Augusti dos romanos, a que leva no seu nome ó luminoso deus Lug da vella cultura celta”, sinalou noutro momento.

Tamén destacou que “vivimos unha crise de moitos tentáculos e dunha fondura insospeitada, un cambio xigantesco, porque non soamente se trata dun problema conxuntural das altas finanzas como nos din, senón que por debaixo está a substitutición de todo un sistema enerxético que xa non dá á humanidade respostas fiables de futuro. Pero ademais, está a crise de valores que fai que quizais o que nos salvou no pasado xa non nos sirva agora. Temos que adaptarnos, investigar, explorar outros camiños, sacar o mellor de nós, e por iso é tan importante estar xuntos e imprescindible que afastemos dunha vez por todas as pequenas cousas que nos separan”.

Ademais, o Delegado Reixo dixo que “é hora de que nos deamos de conta de que vivimos nun dos poucos paraísos que quedan neste maltratado planeta e de que temos que aprender a coidalo como se merece. Temos xa que poñer en valor todo o inmenso patrimonio cultural que atesouramos”.

Para rematar a Ofrenda, o Alcalde de Betanzos pediu “Protéxenos, Señor, Ten presente ós nosos emigrantes espallados polo mundo enteiro para que lles vaia ben na vida e para que poidan voltar algunha vez polo menos á Galicia que sempre levan no corazón. Axuda á nosa mocidade, e a saúde que non falte, e fai que hoxe e sempre sexa para Galicia e para os galegos un día de festa, de ledicia e de esperanza”.

O Arcebispo de Santiago que presidiu os actos relixiosos, nos que tamén participaron os Bispos das Dioceses de Galicia, foi o encargado de responder á Ofrenda. Destacou na súa resposta que “esta Catedral faise templo e corazón de toda a igrexa en Galicia, testemuñando a devoción eucarística e acollendo a ofrenda, que en nome do Reino de Galicia presenta este ano o Señor Alcalde da Moi Nobre, Sempre Leal e Real Cidade de Betanzos dos Cabaleiros. Nesta celebración lembramos como a Eucaristía forma parte das raíces da nosa identidade para consolidar o proxecto de Deus na historia da nosa comunidade”.

“O amor é a forza máis revolucionaria para transformar a nosa vida e a realidade do mundo, lonxe da corrupción económica, do conformismo e de actitudes inoperantes”, sinalou noutro momento o Arcebispo compostelán.

Tamén salientou que “cando non se respecta a xustiza e non se vive a caridade, xérase un proceso de deshumanización e de despersonalización” e engadiu que “nun momento de forte crise humana e cultural é necesario crear puntos luminosos de humanidade nova”.

Ademais sinalou que “o cambio do corazón dáse cando entramos na realidade da caridade” e indicou que “o compromiso do cristián é crear un estilo de vida significado pola gratuidade cristiá que favorece a liberdade e a xustiza,e non esquece aos pobres, porque abandonar os pobres sería esquecer o máis auténtico da gratuidade de Deus”.

Os actos remataron cunha procesión pola Praza Maior.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova