Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello reclámalle á Xunta que execute unha serie de obras de reparación no Cuartel de San Fernando


# Mércores, 06/07/2011


Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
O Tenente de Alcalde, Antón Bao, critica que o proxecto para a construción do Museo da Romanización leve “no limbo da inoperancia da Xunta do Partido Popular” dous anos mentres se deteriora o edificio, catalogado como Ben de Interese Cultural

O Concelleiro de Urbanismo, Luis Álvarez, insta a Xunta a explicar cales son as súas prioridades xa que “nin sequera parece estar entre elas a seguridade dos viandantes”

Bao denuncia os recortes en materia de ensino público do actual Goberno galego e di que o aumento de horas de clase aos profesores vai supor unha merma na calidade educativa e a perda de 200 postos de traballo na provincia de Lugo


O Tenente de Alcalde, o nacionalista Antón Bao, pediulle hoxe á Xunta que continúe o proxecto iniciado polo anterior Goberno galego para a construción dun Museo Nacional da Romanización no antigo Cuartel de San Fernando. A Xunta de Goberno Local acordou hoxe pedir da Xunta a execución dunha serie de obras de reparación no Cuartel de San Fernando para garantir a seguridade dos viandantes.

Bao lembrou que o proxecto para a construción do Museo da Romanización atópase “no limbo da inoperancia da Xunta do Partido Popular” dende hai dous anos mentres o edificio, que está declarado Ben de Interese Cultural, se está a deteriorar gravemente. O tenente alcalde lembrou que se trata dun proxecto iniciado polo anterior Goberno galego que se atopa neste momento “paralizado” por parte da Xunta do PP. “O recurso presentado por unha empresa contra o deseño previsto foi a escusa perfecta á que se agarrou o PP para parar esta obra”, afirmou.

Pola súa parte, o Concelleiro de Urbanismo, Luis Álvarez, lembrou que a Xunta ten as chaves do Cuartel de San Fernando dende 2008, en maio o Concello ditou unha orde de execución para que restaure os elementos que corren riso de desprendemento e a situación do Cuartel segue igual que estaba pese ó requirimento que lle fixo o Concello. Álvarez manifestou que “nas prioridades da Xunta nin sequera parece estar a seguridade dos viandantes “.

O Concelleiro de Urbanismo instou á Xunta a que explique “cales son as súas prioridades para que poidamos entender por que o Concello ten que facerse cargo da construción das garderías, da rehabilitación do patrimonio histórico, e mesmo da atención primaria a través de centros de día”.

“A Xunta utiliza permanentemente o argumento do rigor presupostario e a contención de gasto”, manifestou Luis Álvarez, quen engadiu que “é certo que estamos nunha situación complicada, estámolo todos, pero hai prioridades e da Xunta non o é o emprego público, nin a atención ás persoas que máis o necesitan, nin o mantemento de servizos universalmente recoñecidos como esenciais, como son a educación e a sanidade e educación, terán que explicarnos cales son logo as súas prioridades”.

Na Xunta de Goberno Local tamén se acordou solicitar do Goberno galego o proxecto modificado para a rehabilitación da Fonte da Pinguela, na Porta Miñá. Bao lembrou que o Concello ten que dar licenza para esta obra, pero o Concello de Lugo descoñece cal é o proxecto exacto que se quere acometer porque foi modificado por parte da Xunta.

Recortes en educación e sanidade

O Tenente de Alcalde nacionalista tamén se referiu á decisión unilateral da Xunta de modificar os horarios do profesorado. A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe unha resolución en defensa da calidade do ensino público no que o Concello de Lugo se suma ás críticas contra a decisión do Goberno galego de ampliar o horario lectivo e impoñer novas funcións ao profesorado. Antón Bao, mestre de profesión, explicou que estas medidas, que perseguen reducir custos no ensino público, van supoñer unha merma da calidade educativa.

“Para reducir profesores e aforrar custos, a Consellería de Educación vai xuntar nunha mesma aula alumnos de distintos niveis, por exemplo de primeiro e de segundo, o que aumenta as ratios de alumnos por profesor e empeora a calidade da ensinanza”, dixo Bao. Calculou que deste xeito vanse ver afectados máis de 1.000 postos de traballo en Galiza, 200 na provincia de Lugo. “A Xunta está a destruír emprego no sector público, neste caso máis de 200 profesores que quedarán sen traballo só na provincia de Lugo”, detallou.

En relación á sanidade, Bao dixo que “a palabra austeridade do Partido Popular esconde a privatización da sanidade pública”. Explicou que no novo hospital de Lugo pecharanse este verán por orde da Consellería de Sanidade 90 camas nas unidades de pediatría, medicina interna, xeriatría e media estancia, o que vai empeorar a calidade asistencial a facer aumentar as listas de espera.

Pxom

Tocante á tramitación do refundido do Plan Xeral de Ordenación Municipal, o Concelleiro de Urbanismo declarou que “imos facer todo o posible para que ese documento estea na Xunta de Galicia no mes de agosto. Para iso estase traballando intensamente e os técnicos estano facendo xunto co traballo ordinario que teñen encomendado, polo que é un traballo engadido que se produce nun período de vacacións, de feito hai persoas que cambiaron as súas vacacións para poder envialo canto antes á Xunta”.


Acordos Xunta Goberno

A Xunta de Goberno Local tomou hoxe dous acordos relativos ó Centro de día “Novo Antonio Gandoy”. Por unha parte, acordouse abrir o procedemento para contratar un servizo de comidas para os usuarios deste centro. Ademais, foi aprobada a revisión anual de prezos do contrato coa adxudicataria do Centro de día “Novo Antonio Gandoy”. A actualización do contrato faise tendo en conta a suba do IPC, nun 3,23%.

A Xunta de Goberno acordou tamén a prórroga do contrato subscrito coa empresa adxudicataria do contrato de actividades de ensinanza deportiva e outras complementarias nas escolas deportivas municipais polo prazo dun ano contado a partir do 10 de xullo. O importe será dun máximo de 666.380,36 euros, IVE incluído.

Escoitar audio:
Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova