Imprimir

ANTÓN BAO ANIMA AOS CIDADÁNS DE LUGO A FACER PROPOSTAS PARA AS FESTAS DO SAN FROILÁN DESTE ANO


7/7/2011

O tenente alcalde, Antón Bao, presidiu hoxe a reunión da Comisión de Festas na que se acordou abrir de prazo ata o 1 de agosto para que os lugueses e luguesas envíen as súas suxestións a través do 010 ou do email cultura@concellodelugo.org

Bao quere que as festas sexan “democráticas e participativas” e “que os cidadáns se involucren nas festas e na súa organización”

Orzamento da edición deste ano superará o millón de euros e contará con máis animación na rúa e máis grupos lucenses

O tenente alcalde, o nacionalista Antón Bao, animou hoxe a todos os lugueses e luguesas a facer propostas para festas do San Froilán deste ano. Bao quere involucrar a toda a cidade na organización dos festexos e, para iso, ábrese ata o 1 de agosto un prazo para que todos os cidadáns que o desexen fagan chegar ao Concello as súas preferencias, ideas e suxestións de cara a elaboración do programa das festas deste ano.

Por primeira vez, calquera cidadán que o desexe poderá facer chegar a Antón Bao as súas preferencias musicais ou doutra índole para que as teña en conta á hora de elaborar o programa definitivo. Os técnicos de Cultura xa están a traballar nas distintas ofertas, pero o programa final non se pechará ata o mes de agosto. Ata entón, tanto os cidadáns como o grupo da oposición do Partido Popular poderá facer aportacións.

Segundo avanzou Antón Bao, que presidiu esta mañá unha Comisión de Festas na que participaron todos os grupos municipais, preténdese con esta decisión “que as festas sexan democráticas e participativas” e que a cidadanía “se implique e participe delas para facer entre todos o mellor San Froilán posible”. Bao quere “que o pobo sexa o verdadeiro protagonista dos festexos” para recuperar así o “carácter popular co que naceu a festa do San Froilán”.

Aínda que o programa definitivo será elaborado no mes de agosto, o tenente alcalde e responsable da área de Cultura do Goberno xa avanzou que a edición deste ano contará con máis animación na rúa e con maior presenza de grupos lucenses. “Non cremos que os protagonista absoluto da festa teñan que ser os concertos, queremos encher a rúa de actuacións e de ledicia e a poder ser dar cabida a todos os grupos de Lugo”, dixo.

O orzamento superará o millón de euros

O tenente alcalde tamén detallou o Orzamento co que contarán as festas este ano, que superará o millón de euros, dos que o Concello aportará 765.000 euros, as casetas do polbo 160.000 e os barraquistas 325.000.

Antón Bao tamén anunciou que se dirixirá aos hostaleiros da cidade para que colaboren economicamente na organización das festas, así como a outros patrocinadores. Bao defendeu que ese investimento dun millón de euros serve para “converter a Lugo no outono na cidade máis visitada de Galiza”, polo que o volume económico que se xenera na cidade “multiplica por catro ou por cinco ese millón de euros”.

Preocupación polo Parque Rosalía

O tenente alcalde tamén se referiu a cuestións de intendencia como pirotecnia, iluminación, etc. que xa están en marcha, dixo. Tamén avanzou que xa mantivo contactos coa Subdelegación do Goberno de cara a establecer un dispositivo especial de vixilancia e seguridade durante as festas. Bao fixo especial fincapé en tres cuestións: a protección de monumentos e espazos naturais e patrimoniais emblemáticos, como pode ser a Muralla ou o Parque Rosalía de Castro; a adopción de medidas que palien ou resolvan a problemática dos manteiros; e o establecemento dun dispositivo específico de tráfico para os días de maior afluencia de visitantes.

Bao avanzou que para o San Froilán estará xa rematada a remodelación do Parque Rosalía de Castro, ubicado en pleno corazón das festas, polo que será un lugar a coidar especialmente. “Preocúpanos os efectos sobre o Parque Rosalía, queremos evitar que se produzan danos neste espazo”, dixo.

sanfroilan.info