Imprimir

MEDIO CENTO DE ARTISTAS CONVERTERÁN ESTE DOMINGO O CENTRO DA CIDADE NUN GRANDE MUSEO AO AIRE LIBRE NA XI EDICIÓN DO CERTAME DE PINTURA RÁPIDA


8/7/2011 Os participantes escollerán unha ubicación no interior do casco histórico ou no adarve da muralla para confeccionar as súas creacións durante todo o día

As persoas que o desexen poderán inscribirse o mesmo día do certame ás 9 da mañá

Os gañadores das distintas categorías recibirán máis de 9.000 euros en premios

As rúas do centro da cidade converteranse este domingo nun grande museo ao aire libre. Lugo acolle a undécima edición do Certame de Pintura Rápida ao Aire Libre, que achegará á cidade a medio cento de artistas procedentes de distintos lugares que confeccionarán as súas obras durante todo o día á vista de visitantes e curiosos.

O tenente alcalde, Antón Bao, destacou o gran éxito acadado por este certame, que chega este ano á súa XI edición, e que no ano 2008 contou coa participaron de 67 artistas na categoría de adultos e 3 na xuvenil; no ano 2009 fixérono 80 artistas adultos e 6 da categoría xuvenil; e no ano 2010 acudiron ao certame 43 artistas adultos e 7 xuvenís. Os organizadores esperan acadar o medio cento de participantes na edición deste ano.

Os artistas situaranse no interior do recinto amurallado e na parte superior da Muralla, no adarve. A partir do momento do ditame do xurado, previsto para as 18.00 horas na Praza Maior, os autores dos cadros non premiados poderán poñer á venda as súas obras, asinándoas e poñéndolles na parte traseira o seu importe. A exposición ao aire libre prolongarase ata as 20.00 horas.

O importe dos premios, que se mantén igual ás edicións anteriores, ascende a 9.450 euros, e dividiran da seguinte forma:

1º- 1.700 euros e diploma
2º- 1.200 euros e diploma
3º- 900 euros e diploma
7 accésits de 600 euros e diploma

Establécese un premio especial ao artista local, nado ou residente en Lugo, non compatible coa obtención dos outros premios que será de 500 euros e diploma.

Establécese ademais da categoría de adultos, unha xuvenil dirixida a rapaces que teñan entre 13 e 17 anos. Os premios serán:

1º- Bono de 400 euros en material de pintura e diploma
2º- Bono de 300 euros en material de pintura e diploma
3º- Bono de 250 euros en material de pintura e diploma

As bases do certame están recollidas nun díptico que se pode consultar na páxina web do Concello www.lugo.es, e tamén foron difundidos nas Escolas de Arte, Facultades de Belas Artes, Galerías de Arte e colectivos de artistas mediante 2.000 dípticos informativos.

Encher de actividade as rúas de Lugo durante todo o verán

Entre os días 11 e 15 de xullo realizarase unha exposición das obras na sala de exposicións Uxío Novoneyra en horario de 16.00 a 21.00 horas. Segundo explicou o tenente alcalde, Antón Bao, que dirixe as áreas de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, a súa intención para este verán é “encher de actividade as rúas de Lugo os meses de xullo e agosto para que non se produza un baleiro cultural na cidade”.

Con esta intención, poranse en marcha distintas actividades durante os vindeiros meses, como demostracións de oficios tradicionais na Praza Maior. Neste momento e ata o día 20 tamén está instalada no fondo da Praza Maior a Feira do Libro Vello. “Con esta programación trátase de ofrecer distintas propostas tanto aos lugueses e luguesas como aos turistas que nos visitan nos meses de xullo e agosto”, explicou Antón Bao.