Cargando....
Ayuntamiento de Lugo
19/04/24
NOTICIAS
Escucha esta página

Abraham Pinto Mendoza, de Sevilla, gaña a XI edición do Certame de Pintura Rápida ao Aire Libre


# Domingo, 10/07/2011
56 artistas confeccionaron as súas creacións durante todo o día polas rúas do casco histórico de Lugo

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
Grande éxito de participación para un certame que gaña prestixio ano a ano

Os gañadores das distintas categorías recibiron máis de 9.000 euros en premios


Abraham Pinto Mendoza, de Sevilla, resultou gañador esta tarde da XI edición do Certame de Pintura Rápida ao Aire Libre ‘Cidade de Lugo’, mentras na categoría xuvenil o vencedor foi Jorge Diego Fernández. O premio ao mellor artista local foi para Manuel Ángel Carreira Varela.

A concelleira nacionalista Paz Abraira destacou na cerimonia de entrega de premios o grande éxito de participación acadado por este certame, que gaña prestixio ano a ano. Nesta edición, participaron un total de 56 artistas, procedentes de toda Galiza e mesmo de distintos lugares do Estado español e de Portugal.

O xurado, que estivo formado por María Dolores de las Cuevas Revilla, Dores, profesora da Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón; Miguel Anxo Martínez, Macía, profesor de debuxo do IES Lucus Augusti; e por Juan José López Martínez, Lomarti, valorou a orixinalidade do cadro gañador, unha perspectiva en forma de lente da Praza Maior. Os membros do xurado destacaron o alto nivel acadado polos participantes e a calidade das súas obras, confeccionadas con técnicas moi diversas.

Dende primeira hora da mañá, os 56 pintores participantes escolleron un lugar dentro do recinto amurallado no que traballar á vista da mirada de visitantes e curiosos, convertendo deste xeito durante todo o día as rúas do centro da cidade nun grande museo ao aire libre.

9.450 euros en premios

A concelleira Paz Abraira destacou a importante contía dos premios deste certame, un clásico xa no mes de xullo e que consegue atraer a un importante número de pintores á nosa cidade ano tras ano. O importe total dos premios ascendeu a 9.450 euros, distribuídos en 14 premios:

1º- Abraham Pinto Mendoza (1.700 euros e diploma)
2º- Raúl Gil Burés (1.200 euros e diploma)
3º- Francisco-Solano Jiménez Castro (900 euros e diploma)
7 accésits de 600 euros e diploma
- Javier Gómez Quintana
- Daniel Parra Lozano
- Alberto David Fernández Hurtado
- Pedro Cebrián Redondo
- Lolo Serantes Morán
- Pablo Rodríguez de Lucas
- Alfonso González Araújo

Estableceuse un premio especial ao artista local, nado ou residente en Lugo, non compatible coa obtención dos outros premios que foi de 500 euros e diploma e recaeu en Manuel Ángel Carreira Varela.

Establecéronse ademais da categoría de adultos, unha xuvenil dirixida a rapaces que teñan entre 13 e 17 anos. Os premios foron:

1º- Jorge Diego Fernández (Bono de 400 euros en material de pintura e diploma)
2º- Eva Carballeira Rabuñal (Bono de 300 euros en material de pintura e diploma)
3º- Cristina Martínez Gómez (Bono de 250 euros en material de pintura e diploma)

Exposición dos cadros participantes

A partir do momento do ditame do xurado, que tivo lugar ás 18.00 horas na Praza Maior, os autores dos cadros non premiados tiveron a posibilidade de poñer á venda as súas obras, asinándoas e poñéndolles na parte traseira o seu importe. A exposición ao aire libre prolongouse ata as 20.00 horas.

Asemade, entre os días 11 e 15 de xullo realizarase unha exposición das obras na sala de exposicións Uxío Novoneyra en horario de 16.00 a 21.00 horas.

Posta en valor do patrimonio arquitectónico

Segundo explicou Paz Abraira, o valor deste certame de Pintura ‘Cidade de Lugo’, que se consolida ano a ano, é triple, xa que serve “para atraer un importante número de artistas á nosa cidade, consolidar Lugo como destino cultural e para poñer en valor o noso importantísimo patrimonio arquitectónico”, dixo na clausura.

Ademais, a concelleira nacionalista explicou que a intención da área de Cultura e Turismo para este verán é “encher de actividade as rúas de Lugo os meses de xullo e agosto para que non se produza un baleiro cultural na cidade”. Con esta intención, poranse en marcha distintas actividades durante os vindeiros meses, como demostracións de oficios tradicionais na Praza Maior. Neste momento e ata o día 20 tamén está instalada no fondo da Praza Maior a Feira do Libro Vello. “Con esta programación trátase de ofrecer distintas propostas tanto aos lugueses e luguesas que se quedan durante o verán na cidade como aos turistas que nos visitan nos meses de xullo e agosto”, explicou Paz Abraira.


Escuchar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre ventana nueva Instituto de Crédito Oficial,Abre ventana nueva