A rehabilitación da ponte vella durará seis meses e terá un orzamento dun millón de euros
# Martes, 12/07/2011
As obras acometeránse no próximo verán xa que será necesario achicar o caudal do río mediante ataguías para poder actuar sobre as pilastras do vello viaducto romano.
Retirarase a estrutura metálica engadida nos anos 70, cambiarase o pavimento por pedra, melloraráse a iluminación e renovaranse todas as canalizacións de auga, luz, gas e telefonía que dan servizo ao barrio da Ponte.
Está previsto baixar a rasante de entrada á ponte dende a Volta da Viña, co que se mellorarán os accesos á Calzada da Ponte, ao Balneario e ao Paseo do Miño.
O Ministerio de Fomento financiará o 75% da obra a través dunha subvención de 712.000 euros con fondos do 1% Cultural e o Concello porá o 25% restante.
A concelleira de Infraestruturas di que a reforma ten que cumprir dous obxectivos: servir para que a ponte recupere o seu aspecto orixinal e manter o servizo de tránsito aos veciños do barrio.
A concelleira nacionalista reúnese esta tarde coa Asociación de Veciños do barrio para informalos das obras que se van a acometer para que poidan opinar sobre a actuación prevista e tentar minimizar as molestias que se poidan producir.
Compartir: