Cargando....
Concello de Lugo
29/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Presentado o VI Criterium Aeronáutico que se celebrará en Rozas e a XXVIII Volta Aérea a Galicia


# Xoves, 14/07/2011
O Criterium Aeronáutico terá lugar do 21 ó 23 de xullo nas instalacións de Rozas

Imaxe Asociada
O Concelleiro de Servizos Xerais destaca que se dará prioridade ás persoas discapacitadas nos bautizos do aire


O Concelleiro de Servizos Xerais, Francisco Fraga, participou hoxe, xunto co Deputado provincial Mario Outeiro e o presidente do Real Aeroclub de Lugo, Luis Abelleira Mayor, na presentación do VI Criterium Aeronáutico e da XXVIII Volta Aérea a Galicia que tivo lugar esta mañá na Deputación provincial.

O Concelleiro felicitou á organización polas “magníficas actividades” deste Criterium e resaltou a importancia de incluír como prioritarias, nos bautizos do aire, ás persoas discapacitadas e considerou que “hai que insistir neste tema porque moitas persoas non poden, pola súa discapacidade, acceder a voar e aquí teñen unha grande oportunidade”.

O Deputado provincial salientou a historia do Real Aero Club de Lugo, que este ano cumpre 51 anos, e dixo que “se pode considerar un dos clubes máis importantes da nosa provincia”.

Pola súa parte, o Presidente do Real Aeroclub de Lugo sinalou que xunto ás persoas con discapacidade terán prioridade nos bautizos do aire os maiores e os nenos. Tamén destacou a intención do Real Aeroclub de achegar as instalacións de Rozas a todos os cidadáns e non só ós pilotos. Por iso, explicou, a organización desde fai seis anos do Criterium que reúne actividades como os bautizos do aire, que son gratuítos, saltos en paracaídas, exhibición de vó acrobático, así como unha lanzadeira e simuladores tanto de vós como de motos.

O programa tamén inclúe unha exhibición dos avións antiincendios e do helicóptero da Garda Civil. A novidade este ano é a presenza, o sábado, día 23, do grupo 501 Legión Spanish Garrison (Star War) e a instalación dunha mini gardería para que os máis pequenos estean entretidos.

O Criterium Aeronáutico 2011 inclúe a vixésimo oitava edición da Volta Aérea a Galicia. Terá lugar entre os días 21 e 23 de xullo nas instalacións do aeródromo de Rozas. A Volta Aérea terá tres etapas con saída e chegada en Rozas. Os participantes terán que levar a cabo distintas probas como crono, navegación, observación e aterraxes de precisión.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova