Cargando....
Concello de Lugo
20/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Sesenta artesáns procedentes de toda Galicia farán demostracións ao vivo todas as fins de semana ata setembro


# Venres, 15/07/2011
Os artesáns montarán os seus talleres durante todo o día no fondo da Praza Maior e haberá obradoiros para nenos e explicacións dos distintos oficios.

Imaxe Asociada
A área de Cultura e Turismo busca con esta actividade encher de vida as rúas de Lugo durante os meses do verán e ofrecer un atractivo máis aos turistas que se achegan á cidade nesta época.

A concelleira Paz Abraira destaca que esta iniciativa permite recuperar oficios tradicionais, apoiar a labor dos artesáns e fomentar o emprego neste sector.


Sesenta artesáns procedentes de toda Galicia pasarán por Lugo daquí ao mes de setembro para facer demostracións ao vivo dos seus oficios. Trátase dunha iniciativa que pon en marcha a área de Cultura e Turismo, que dirixe o tenente alcalde, Antón Bao, co obxectivo de encher de actividade as rúas da cidade de Lugo durante os meses do verán.

A concelleira nacionalista Paz Abraira, que substitúe estes días a Antón Bao, destacou esta mañá que se trata en todos os casos de “artesáns que manteñen viva a tradición galega e que traballan distintos materiais, como o coiro, o ferro, a madeira ou o barro, empregando as mesmas técnicas que se usaron tradicionalmente no noso país”.

Os distintos oficios pasarán por Lugo dende mañá ata o 11 de setembro. As demostracións terán lugar as fins de semana e nelas participarán torneiros de Ortigueira ou Grandas; ferreiros da Fonsagrada, Riotorto e Os Oscos; zoqueiros da Mariña, Vilalba, As Nogais e Vila de Cruces; cesteiros e palilleiras de distintos puntos da xeografía galega; canteiros de Guitiriz e Antas de Ulla; oleiros de Bonxe, Buño, Guindivós; fiadoras, redeiras, selleiros, artesáns do coiro, costureiras, bordadoras e expertos en alto lizo e mesmo fabricantes de instrumentos musicais e de xoguetes tradicionais.

Os artesáns montarán os seus talleres no fondo da Praza Maior todos os sábados e domingos en horario de mañá e tarde (de 11:00 a 14:30 horas e de 17:00 a 21:30) e traballarán á vista do público. Haberá tamén talleres nos que poderán participar os nenos e explicacións das distintas técnicas empregadas.

Na xornada inaugural de mañá participará Arturo Igleisas, un torneiro de Grandas de Salime con torno tradicional de madeira; Oliverio Álvarez e o seu fillo, ferreiros na Fonsagrada; Julio e José, oleiros de Buño que ofrecerán un obradoiro onde poderán participar todos os asistentes; Concha Arroyo, unha palilleira de Lugo; e Luisa Estévez, unha tecelá de Cambre. Haberá tamén música ao vivo para animar o espazo de traballo.

Fomentar o emprego no sector

Paz Abraira incidiu en que esta iniciativa que se pon en marcha persegue varios obxectivos: “por un lado, dende o punto de vista cultural, serve para recuperar tradicións ancestrais do noso país e oficios que corren o risco de desaparecer e ademais serve para apoiar a labor dos artesáns e fomentar o emprego neste sector”, subliñou a concelleira nacionalista, que destacou que “grazas a esta labor de recuperación dos vellos oficios mozos de lugares con tradición artesá como a olería en Sober ou os ferreiros en Riotorto están atopando unha saída laboral”.

Abraira explicou que este programa de demostracións ao vivo substituirá ás visitas teatralizadas que se viñan realizando en veráns pasados para ensinar aos turistas a historia e as tradicións da cidade. “Pensamos que as demostracións ao vivo de vellos oficios cumpren mellor esta función porque son historia viva do noso pobo”, afirmou.

Indicou tamén que as Visitas Teatralizadas estaban pensadas só para os turistas e tiñan unha acollida moi limitada. Neste sentido deu o dato de que o ano pasado houbo días nos que se suspendeu a función por falta de público. En total, nos tres meses que estiveron funcionando as Visitas Teatralizadas o verán pasado vendéronse 547 entradas, o que dá unha media de 7 ao día. “Se temos en conta que nese mesmo período houbo 14.759 turistas na nosa cidade a media é realmente baixa”, opinou.

Ademais, as funcións das Visitas Teatralizadas eran de pago, cun custo de 5 euros por persoa. Pola contra, dixo Paz Abraira, estas demostracións de vellos oficios serán “totalmente de balde” e “están pensadas tanto para os turistas que nos visitan como para os moitos lugueses e luguesas que se quedan na cidade durante o verán”.

Encher de actividade as rúas de Lugo durante todo o verán

O obxectivo que se manexa dende a área de Cultura e Turismo para este verán é “encher de actividade as rúas de Lugo os meses de xullo e agosto para que non se produza un baleiro cultural na cidade”. Con esta intención, poranse en marcha distintas actividades durante os vindeiros meses, como as demostracións de oficios tradicionais na Praza Maior que comezan mañá e terán lugar cada fin de semana ata o 11 de setembro. Neste momento e ata o día 20 deste mes de xullo tamén está instalada no fondo da Praza Maior a Feira do Libro Vello. “Con esta programación trátase de ofrecer distintas propostas tanto aos lugueses e luguesas como aos turistas que nos visitan nos meses de xullo e agosto”, explicou Paz Abraira.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova