Cargando....
Concello de Lugo
24/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Máis de 100 turistas visitan cada día a cidade de Lugo no que vai deste mes de xullo


# Sábado, 16/07/2011
No que vai de ano produciuse un leve descenso no número de visitantes, que se debe a factores como a crise económica e o final do ano Xacobeo.

Imaxe Asociada
O 72% dos turistas que visitan Lugo proceden doutros lugares do Estado español pero aumenta cada ano o número de turistas procedentes doutros países da UE.

A área de Cultura e Turismo busca encher de actividades e de vida as rúas da cidade durante os meses de xullo e agosto e trata de atraer a Lugo un turismo de proximidade cunha campaña de promoción no resto de cidades galegas e na Mariña.


A cidade de Lugo recibe unha media de 110 turistas ao día no que vai deste mes de xullo. Na primeira quincena do verán, do 1 ao 15 de xullo, un total de 1.641 persoas dirixíronse á Oficina Municipal de Turismo, ubicada na Praza do Campo, para demandar información sobre a cidade, segundo os datos facilitados hoxe pola concelleira nacionalista Paz Abraira.

Comparados co mesmo período do ano pasado, os datos revelan un leve descenso no número de visitantes, posto que na primeira quincena de xullo de 2010 pasaron por Lugo 1.884 turistas. Este leve descenso estaría motivado por factores como a crise económica, que reduce o poder adquisitivo das familias e frea os desprazamentos vacacionais. Tamén influiría nesta redución de visitantes o feito de que o pasado ano coincidira cun ano Xacobeo, o que incrementou o número de peregrinos que fan a rota polo Camiño Primitivo, que este ano se viu reducido, así como o número de persoas que se dirixen a Santiago de Compostela e fan unha parada en Lugo.

Os datos do primeiro semestre do ano confirman tamén ese menor número de turistas este ano. De xaneiro a xuño deste ano a cidade de Lugo rexistrou 13.757 visitantes, segundo os datos facilitados pola Oficina Municipal de Turismo, fronte aos 13.916 do primeiro semestre do ano pasado. O ano 2010 pechouse cun total de 37.135 visitantes, unha cifra á que a área de Turismo, que dirixe o nacionalista Antón Bao, espera achegarse este ano.

Por meses, xuño foi ata o de agora o mes con máis turistas (3.621), seguido de abril (3.299) por coincidir neste mes este ano a Semana Santa, na que visitaron a cidade de Lugo 1.514 turistas que pasaron pola Oficina Municipal de Turismo a solicitar algún tipo de información. No Arde Lucus producíronse 440 consultas, en Nadal 309, na ponte do 1º de Maio 247 e na ponte das Letras Galegas 236.

Procedencia: duplicouse o número de turistas europeos

Un feito salientable dos datos de turistas da primeira quincena de xullo é o aumento de visitantes procedentes doutros países da Unión Europea. O 12% dos turistas que viñeron a Lugo entre o día 1 e o 15 deste mes procedían dalgún país da UE, fronte ao 6,4% do pasado ano. Francia, Alemaña e Reino Unido son os países dos que proceden a maioría dos turistas europeos que visitan a cidade de Lugo.

Con todo, e pese ao aumento de turistas estranxeiros, o número de turistas que proceden doutros lugares do Estado español segue a ser maioritario. Concretamente, o 72% dos visitantes contabilizados na Oficina Municipal de Turismo proceden dalgún lugar do Estado español. Madrid, Castela-León, Asturias, Comunidade Valenciana, Cataluña, País Vasco, Andalucía e Cantabria son, por este orde, as comunidades que máis turistas envían a Lugo.

Finalmente, o 6% dos turistas que veñen a Lugo proceden dalgunha das 4 provincias galegas.

Obxectivos: atraer o turismo de proximidade e aumentar a estancia

Precisamente un dos obxectivos da área de Turismo que dirixe o nacionalista Antón Bao para este verán é atraer cara a cidade de Lugo a turistas que se atopan en lugares próximos. Por iso, este verán ven de poñerse en marcha unha campaña de promoción e de captación de visitantes no resto de cidades galegas e na Mariña co obxectivo de atraer cara a Lugo a persoas que poidan estar pasando as súas vacacións na Mariña luguesa, en Santiago, na Coruña ou nas Rías Baixas e que poidan aproveitar algún día para achegarse a visitar Lugo.

A campaña leva por lema ‘Ven dar unha volta a Lugo’ e destaca os atractivos que ten a cidade de Lugo dende o punto de vista patrimonial, coa Muralla como Ben Mundial; natural e paisaxístico, co río Miño declarado Reserva da Biosfera; e tamén gastronómico. Esta campaña manterase durante os meses de xullo, agosto e setembro.

Ao mesmo tempo, a área de Turismo pretende aumentar a estancia dos turistas que veñen a Lugo. Para iso, este verán púxose en marcha a tarxeta turística LugoCard, que ofrece distintos servizos e descontos para estancias de 1, 2 e 3 días na cidade de Lugo.

A concelleira nacionalista Paz Abraira deu a coñecer estes datos esta mañá, no transcurso da inauguración da Mostra de Vellos Oficios, instalada nos soportais do fondo da Praza Maior, e pola que pasarán todas as fins de semana ata o mes de setembro 60 artesáns de toda Galiza.

Os datos de turismo en Lugo

  ANO 2011 ANO 2010
Xaneiro 1.150 1.052
Febreiro 1.150 1.052
Marzo 2.118 2.444
Abril 3.299 3.079
Maio 2.939 2.695
Xuño 3.621 3.752
Xullo (1ª quincena) 1.641 1.884
TOTAL (1 xaneiro ao 15 xullo) 13.757 13.916



Tarxeta turística ‘LugoCard’

A tarxeta turística LugoCard comezou a funcionar o pasado 1 de xullo e nestes primeiros 15 días está a despertar moito interese sobre todo polos descontos que ofrece en 50 establecementos de comercio e hostalería da cidade. A tarxeta véndese na Oficina de Turismo e en 10 hoteis da cidade. Acompáñase dunha guía na que se ofrece información da cidade e se detalla a ubicación e os descontos que ofrecen os establecementos adheridos. É un produto que pretende ofrecer ao visitante paquetes de 1, 2 e 3 días de estancia na cidade. Noutras cidades nas que se puxo en marcha como Xixón, San Sebastián, Segovia, Granada, Zaragoza, Valladolid, Sevilla, Burgos, Salamanca, ou Tarragona está a funcionar moi ben. En Galicia acaba de poñela en marcha tamén Pontevedra.
 
A tarxeta ofrece:
-Entrada con desconto aos Museos Municipais de Lugo.
-Descontos no servizo de audioguías e nos servizos turísticos que desenvolva o Concello de Lugo.
-Descontos e/ou vantaxes en comercios, centros de ocio, hoteis, restaurantes e outros servizos hostaleiros.
-Descontos en teatros, espectáculos e outras actividades culturais organizadas polo Concello de Lugo.
 

LUGOCARD…………………………………. MODALIDADE INDIVIDUAL
Duración 1 día ... 7,00 euros
Duración 2 días ... 11,00 euros
Duración 3 días ... 15,00 euros

LUGOCARD…………………………………. MODALIDADE FAMILIAR
2 adultos + 2 niños menores de 16 anos
Duración 1 día ... 14,00 euros
Duración 2 días ... 22,00 euros
Duración 3 días ... 30,00 euros

Servizos de LugoCard:
- Entrada unificada para os Museos Municipais da Cidade.
- Entrada conxunta ordinaria 7 euros
- Entrada conxunta reducida 4 euros (incluído na tarxeta)

No caso da modalidade familiar inclúe a dous adultos e ata un máximo de 2 nenos menores de 16 anos. A vantaxe que o Concello de Lugo debe ofrecer aos usuarios de LugoCard, a maiores da entrada conxunta para os catros museos a prezo reducido, é o acceso gratuíto para os nenos menores de 16 anos.

Tarxeta Lugocard http://www.lugoturismo.com/lugocard

www.lugoturismo.com



Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova