O Alcalde ofrece o apoio do Concello ós autónomos nunha xuntanza que mantivo coa nova directiva da Federación de Autónomos de Galicia
# Xoves, 21/07/2011
O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e a Concelleira de Economía, Emprendemento e Autónomos, Sonia Méndez, mantiveron esta mañá unha reunión, na Casa do Concello, coa Federación de Autónomos de Galicia.
A reunión serviu de presentación da nova directiva da Federación de Autónomos de Galicia, que preside Javier Pérez Bello. O Alcalde explicoulle á nova directiva da entidade que “os autónomos sempre van contar co apoio e o estímulo do Concello de Lugo”. Neste sentido, explicou a creación dunha Concellería para atender a este sector tan importante na economía e no emprego, que representa case o 30% da poboación activa de Lugo.
López Orozco tamén salientou a transcendencia do asociacionismo para a defensa dos intereses dos autónomos. Ademais, no encontro falouse da necesidade de fomentar a cultura emprendedora desde a mocidade.
A xuntanza coa Federación de Autónomos de Galicia foi a segunda xuntanza que celebra o novo Goberno local con representantes deste colectivo, logo da reunión que mantivo a Concelleira Sonia Méndez a semana pasada co presidente da Unión de Profesionais e Traballadores Autónomos de Galicia, Lisardo Domínguez.
Compartir: