Imprimir

O CONCELLO CELEBRA A ELECCIÓN DE LUGO COMO SEDE DO PARTIDO QUE XOGARÁ A SELECCIÓN SUB 21 CONTRA GEORGIA E COLABORARÁ NA ORGANIZACIÓN DO ENCONTRO


21/7/2011 A selección sub 21 xogará na nosa cidade o 5 de setembro un partido valedeiro para a vindeira edición do Campionato de Europa

É a primeira vez que unha selección española de fútbol xoga na provincia de Lugo

O Alcalde, José López Orozco, amosou hoxe a satisfacción do Concello de Lugo pola elección da nosa cidade para a celebración dun partido que xogará a selección sub 21 de fútbol, recente gañadora do Campionato de Europa nesta categoría.

López Orozco manifestou que “esta é unha boa nova para a nosa cidade, unha magnífica oportunidade para que os aficionados poidan gozar do xogo dos mellores futbolistas de Europa na categoría sub 21 e, tamén, un merecido premio para o CD Lugo, que está a demostrar a súa valía e profesionalidade como equipo”.

O Alcalde tamén anunciou que o Concello vai colaborar na organización do encontro, como lle solicitara o Presidente do CD Lugo, José Bouso, nas conversas que mantiveron para lograr a designación de Lugo para este partido.

A selección española sub 21 xogará na nosa cidade un partido clasificatorio para a XIX edición do Campionato de Europa, no que se enfrontará contra Georgia. O encontro terá lugar o día 5 de setembro, ás 20.45 horas, segundo lle comunicou ó Alcalde o Presidente do CD Lugo logo de recibir a confirmación oficial da elección de Lugo.

Esta será a primeira vez que xogará na provincia de Lugo unha selección española de fútbol e o acontecemento deportivo ten aínda máis interese xa que os sub 21 veñen de proclamarse campións de Europa.