Cargando....
Concello de Lugo
29/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Esta fin de semana continúa a Mostra de Vellos Oficios con demostracións ao vivo de canteiros, fiadoras, cesteiros, tecedoras e tallistas de pizarra


# Venres, 22/07/2011
Máis de 1.000 persoas visitaron a pasada fin de semana a Mostra de Vellos Oficios, que traerá a Lugo ata o 11 de setembro a máis de 60 artesáns de toda Galicia.

Imaxe Asociada
A área de Cultura e Turismo busca con esta actividade encher de vida as rúas de Lugo durante os meses do verán e ofrecer un atractivo máis tanto aos lugueses como aos turistas que se achegan á cidade nesta época.

Canteiros, tecelás, fiadoras, cesteiros e tallistas de pizarra farán demostracións ao vivo esta fin de semana dentro da Mostra de Vellos Oficios. Mañá sábado montarán o seu taller nos soportais do fondo da Praza Maior André López Gómez, un tallista de pizarra de Navia de Suarna; Elena Yáñez, unha fiadora de Lugo; e Flor Pérez, unha cardadora tamén de Lugo. O domingo serán Lluis Grao, cesteiro da Teixeira, en Ourense; a tecelá Anna Elisabeth Champaneyr e Ramón Villar, un canteiro de Guitiriz, os que farán as demostracións dentro da Mostra de Vellos Oficios.

Esta iniciativa posta en marcha pola área de Cultura e Turismo, que dirixe o nacionalista Antón Bao, traerá á cidade de Lugo todas as fins de semana ata o 11 de setembro a 60 artesáns procedentes de toda Galiza que traballan distintas disciplinas e materiais seguindo os métodos tradicionais empregados nas súas respectivas zonas.

Os artesáns montarán os seus talleres no fondo da Praza Maior, igual que farán todos os sábados e domingos ata setembro, en horario de mañá e tarde (de 11:00 a 14:30 horas e de 17:00 a 21:30). Todos os artesáns traballan á vista do público e ademais das demostracións ao vivo tamén venden os produtos que elaboran. Haberá tamén talleres nos que poderán participar os nenos e explicacións das distintas técnicas empregadas.

Con esta mostra a área de Cultura e Turismo pretende encher de actividade as rúas de Lugo durante todo o verán tanto para o disfrute tanto dos lugueses e luguesas como dos turistas que visitan a cidade e, ao mesmo tempo, recuperar e apoiar aos artesáns que seguen empregando os métodos tradicionais de traballo para que non se perdan.

Máis de 1.000 persoas visitaron a Mostra na primeira fin de semana

Máis de 1.000 persoas visitaron a Mostra de Vellos Oficios de Lugo a fin de semana pasada. A iniciativa está a ter moi boa acollida tanto entre os lugueses e luguesas como entre os turistas, que desfrutaron nesta primeira fin de semana coas demostracións de oleiros, zoqueiros, ferreiros, palilleiras, tecelás ou torneiros. Foron moitos tamén os nenos e nenas que participaron nos distintos obradoiros.

A pasada fin de semana pasaron pola Mostra Arturo Iglesias, un torneiro de Grandas de Salime que traballa con torno tradicional de madeira; Oliverio Álvarez e o seu fillo, ferreiros na Fonsagrada; Julio e José, oleiros de Buño; Concha Arroyo, unha palilleira de Lugo; e Luisa Estévez, unha tecelá de Cambre.

O domingo o protagonista foi o zoqueiro de Alfoz Alberto Geada, que herdou o oficio do seu pai, tamén zoqueiro, pero soubo innovar ata facer chegar as súas zocas ás pasarelas de moda da man do deseñador lucense Manuel Bolaño e mesmo a prestixiosos musicais en Palmaret. Este mozo, que traballa a madeira de ameneiro ao modo tradicional fai tamén no seu taller de Mondoñedo deseños exclusivos recoñecidos mesmo a nivel internacional.

Dende confección de xoguetes a canteiros pasando por artesáns do coiro

En total, sesenta artesáns procedentes de toda Galicia pasarán por Lugo daquí ao mes de setembro para facer demostracións ao vivo dos seus oficios. Trátase dunha iniciativa que pon en marcha a área de Cultura e Turismo, que dirixe o tenente alcalde, o nacionalista Antón Bao, co obxectivo de encher de actividade as rúas da cidade de Lugo durante os meses do verán.

Trátase en todos os casos de “artesáns que manteñen viva a tradición galega e que traballan distintos materiais, como o coiro, o ferro, a madeira ou o barro, empregando as mesmas técnicas que se usaron tradicionalmente no noso país”.

Os distintos oficios pasarán por Lugo dende hoxe ata o 11 de setembro. As demostracións terán lugar as fins de semana e nelas participarán torneiros de Ortigueira ou Grandas; ferreiros da Fonsagrada, Riotorto e Os Oscos; zoqueiros da Mariña, Vilalba, As Nogais e Vila de Cruces; cesteiros e palilleiras de distintos puntos da xeografía galega; canteiros de Guitiriz e Antas de Ulla; oleiros de Bonxe, Buño, Guindivós; fiadoras, redeiras, selleiros, artesáns do coiro, costureiras, bordadoras e expertos en alto lizo e mesmo fabricantes de instrumentos musicais e de xoguetes tradicionais.

Fomentar o emprego no sector e encher de actividade as rúas de Lugo no verán

Esta iniciativa que se ṕon en marcha dende a área de Cultura e Turismo persegue varios obxectivos: “por un lado, dende o punto de vista cultural, serve para recuperar tradicións ancestrais do noso país e oficios que corren o risco de desaparecer e ademais serve para apoiar a labor dos artesáns e fomentar o emprego neste sector, posto que grazas a esta labor de recuperación dos vellos oficios mozos de lugares con tradición artesá como a olería en Sober ou os ferreiros en Riotorto están atopando unha saída laboral”.

O obxectivo que se manexa dende a área de Cultura e Turismo para este verán é “encher de actividade as rúas de Lugo os meses de xullo e agosto para que non se produza un baleiro cultural na cidade”. Con esta intención, poranse en marcpha distintas actividades durante os vindeiros meses. Con esta programación trátase de ofrecer distintas propostas tanto aos lugueses e luguesas como aos turistas que visitan a cidade nos meses de xullo e agosto.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova