Cargando....
Concello de Lugo
19/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello reclámalle á Xunta a delimitación oficial do Camiño Primitivo e que lle dea algún uso ó vello Hospital


# Mércores, 27/07/2011
A Xunta só achega 13.000 euros para a conservación de 30 km do Camiño ó seu paso por Lugo

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
O Concello apoia as reivindicacións dos veciños do barrio da Residencia e esixe coñecer que foi dos estudos técnicos do edificio


O Concello de Lugo reclámalle á Xunta de Galicia que faga fronte a súa competencia sobre o Camiño Primitivo. Tamén reclama á Xunta que atenda a reivindicación dos veciños do barrio da Residencia dándolle uso ás instalacións do vello Hospital e esixe coñecer que pasou co anunciado estudo técnico do edificio.

A sexta Tenente de Alcalde, Paz Abraira, lembrou que é a Xunta, gobernada polo Partido Popular, “a lexítima titular de todos os camiños de peregrinaxe e, polo tanto, é a administración que ten que tomar as medidas oportunas para o mantemento deste importantisimo ben patrimonial”.

“A súa delimitación oficial é o primeiro que hai que abordar porque é algo fundamental de cara a súa conservación e iso é responsabilidade do Partido Popular que é quen dirixe a Xunta”, declarou e engadiu que, aínda así, “o Concello, consciente das súas obrigas, e do valor patrimonial do Camiño acometeu o seu desbroce no treito urbano”.

Abraira explicou tamén que “o Concello remitiulle á Sociedade de Xestión do Xacobeo o convenio para o mantemento do Camiño ó seu paso polo concello de Lugo” e indicou que se trata dun convenio “máis que esixente, porque non só fala da limpeza da traza do Camiño senón mesmo do mantemento en perfecto estado de conservación do Camiño e o seu entorno”.

Ademais, a Concelleira nacionalista remarcou que “a Xunta só aporta a exigua cantidade de 13.000 euros para que o Concello lle faga fronte” a todos eses labores nos 30 quilómetros do Camiño primitivo ó seu paso por Lugo e “aínda así, o Concello de Lugo suscribiu ese convenio, remitiullo á Xunta e estamos pendentes de que se formalice definitivamente”.

O Goberno local tamén lle reclamou hoxe á Xunta de Galicia que lle dea uso ás instalacións do vello Hospital. O terceiro Tenente de Alcalde, Luis Álvarez, explicou que no Concello “queremos saber se a Consellería de Sanidade está levando a cabo algún deses famosos estudos de viabilidade técnica porque, a estas alturas, non sabemos se os ten iniciados nin que é o que ten intención de facer con estes edificios”.

Lembrou, tamén, que “dende o Goberno apoiamos as reivindicacións dos veciños do barrio da Residencia, fixémolo antes e seguimos facéndoo agora” e manifestou que “nós seguimos apostando pola construción dunha residencia para darlle solución a un problema obxectivo como é o envellecemento da nosa poboación”.

“Reivindicamos con contundencia que se nos teña ó tanto do que están facendo e que dentro desas construcións se contemple a creación dunha residencia para os maiores, na que se dispoñan camas para as persoas que necesiten dun tempo de adaptación tras dunha operación se non teñen quen os atenda na casa”.

Estes dous asuntos foron abordados hoxe pola Xunta de Goberno Local que tamén tratou unha modificación do Orzamento do Concello mediante transferencia de crédito por importe de 19.130 euros para a contratación de persoal para o funcionamento dun vehículo motobomba dacordo co convenio coa Consellería de Medio Rural para prevención e defensa contra incendios forestais e para gasto corrente do proxecto Parner-tic.

Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova