Cargando....
Concello de Lugo
29/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Case 12.000 persoas visitaron os museos municipais no que vai de ano


# Xoves, 28/07/2011
O tenente alcalde, Antón Bao, anuncia un proxecto para a promoción da rede museística do Concello e a creación dun Museo de Arte Contemporáneo lucense.

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
O Concello ofrécelle colaboración á Xunta de Galiza para resolver os “problemas arquitectónicos” que obrigaron a pechar o museo de San Roque e poder abrir de novo o centro.

Preto de 12.000 persoas visitaron no que vai de ano os museos municipais de Porta Miñá, a Casa dos Mosaicos da rúa Doutor Castro e o Centro de Interpretación da Muralla, situado na Praza do Campo, segundo deu a coñecer esta mañá en rolda de prensa o tenente alcalde, Antón Bao. O responsable das áreas de Cultura e Turismo tamén anunciou un proxecto para a promoción da rede museística do Concello, “tanto entre os propios lugueses e luguesas como entre os turistas que nos visitan”.

Nos datos de entrada aos museos destaca o incremento de visitantes no Centro de Interpretación da Muralla, que foi visitado por 5.159 persoas no que vai de ano, 422 só neste mes de xullo; e na sala de exposicións Porta Miñá, pola que pasaron 1.246 persoas, 94 no que vai do mes de xullo. Pola contra, a Casa dos Mosaicos sufriu este ano un pequeno descenso no número de visitantes, que se sitúa en 5.306 persoas, pero segue a ser o museo máis visitado dos que conta o Concello.

O tenente alcalde, Antón Bao, anunciou que se porán en marcha medidas para promocionar a rede de museos do Concello tanto entre os lugueses e luguesas como entre os turistas, e dixo que se estudará se os prezos actuais por entrar a estas instalacións (3 euros) son atinados, pois revelou que o feito de cobrar pode ser un elemento que bota para atrás a moitos visitantes. Explicou, neste sentido, que só un 10% das persoas que entran na Oficina Municipal de Turismo soben a ver o Centro de Interpretación da Muralla, a pesar de que se atopa no mesmo edificio. Por exemplo, no que vai do mes de xullo un total de 4.075 persoas entraron á Oficina de Turismo e delas só 422 visitaron logo o Centro de Interpretación da Muralla. “É algo que nos debe facer pensar”, dixo Bao.

Museo de Arte Contemporáneo Lucense

Bao tamén avanzou que entre os proxectos do seu departamento está o de crear un Museo de Arte Contemporáneo Lucense que sirva de sala permanente de exposicións das novas figuras da arte lucense das distintas disciplinas. “Temos figuras importantes, recoñecidas mesmo internacionalmente, como Mónica Alonso, Lomarti, Murado ou moitos outros que poderían conformar un importante museo coas súas obras”, argumentou. O tenente alcalde dixo que se estudarán as distintas ubicacións posibles para esta iniciativa.

Do mesmo xeito, Bao ofreceu a colaboración do Concello á Xunta de Galiza para resolver o “problema arquitectónico” que obrigou a pechar o Museo de San Roque para que poida volver a abrirse canto antes, avogou o responsable de Cultura do Concello.

Iniciativas no eido do teatro

Antón Bao tamén detallou algúns dos proxectos en materia teatral que se impulsarán dende a Área de Cultura do Concello e que dixo, estarán centrados en “apoiar aos grupos de teatro afeccionado e compañías profesionais que hai en Lugo”. Entre outras iniciativas a poñer en marcha, estarían unha Semana do Teatro Galego ou a recuperación das Aulas de Teatro do Concello.

Bao aproveitou a rolda de prensa de hoxe diante dos medios de comunicación para anunciar a representación da obra de teatro ‘El caballero de Olmedo’, dedicada a público infantil, que terá lugar mañá venres a partir das 22:00 horas na Praza de Santa María a cargo da Aula de Teatro da Universidade de Murcia. Esta obra forma parte dun proxecto de recuperación teatral de carácter universitario que tenta recuperar a iniciativa posta en marcha por Federico García Lorca na II República baixo o nome de La Barraca.

Continúa esta fin de semana a Mostra de Vellos Oficios

Antón Bao deu a coñecer tamén o nome dos artesáns que participarán esta fin de semana na Mostra de Vellos Oficios, que se ven desenvolvendo todos os sábados e domingos na Praza Maior. Desta volta as demostracións ao aire libre corresponderán a Pepa Lombao, unha oleira de Bonxe, e aos tecedores Rafael González e Ramón Álvarez, que montarán os seus talleres este sábado nos soportais da Praza Maior. O domingo os artesáns participantes na Mostra serán o teitador Manuel Rodríguez, que traballa as tellas de barro, a palilleira Marisa Hermida e a tecelá Carmen Pano De la Fuente.

Coma cada fin de semana, os artesáns montarán os seus talleres no fondo da Praza Maior, igual que farán todos os sábados e domingos ata setembro, en horario de mañá e tarde (de 11:00 a 14:30 horas e de 17:00 a 21:30). Todos os artesáns traballan á vista do público e ademais das demostracións ao vivo tamén venden os produtos que elaboran. Haberá tamén talleres nos que poderán participar os nenos e explicacións das distintas técnicas empregadas.

Con esta iniciativa, que traerá á cidade de Lugo todas as fins de semana ata o 11 de setembro a 60 artesáns procedentes de toda Galiza que traballan distintas disciplinas e materiais seguindo os métodos tradicionais empregados nas súas respectivas zonas, a área de Cultura e Turismo pretende encher de actividade as rúas de Lugo durante todo o verán. Antón Bao destacou a “magnífica acollida” da Mostra de Vellos Oficios tanto polos lugueses e luguesas como polos turistas e dixo que “a intención de cara ao futuro é poder crear emprego nestes sectores artesanais”.

“O PP fai o Camiño de Santiago para purgar as súas culpas”

O tenente alcalde tamén quixo contestar ao Partido Popular, que estes días está a facer o Camiño de Santiago ao seu paso por Lugo para reclamar melloras na rota xacobea. “Os concelleiros do Partido Popular fan moi ben en facer o Camiño como método cristiá de purgar as súas culpas polos seus incumprimentos no coidado, na delimitación e na sinalización do Camiño Primitivo”, dixo Antón Bao, que lembrou que “o Camiño Primitivo, igual que todos os Camiños, é titularidade da Xunta de Galiza”.

Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova